Duascentas vinte e oito obras concorreron á 44ª edición do Premi Born de Teatre 2019, corenta títulos máis que os presentados na edición anterior. O premio, dotado con 14.000 euros mais a edición da obra en castelán, catalán galego e éuscaro, será entregado o 26 de outubro en Menorca.
Como vén facendo desde o ano 2006, a erregueté será a encargada de publicar a tradución ao galego do texto gañador desta última edición, a terceira con máis pezas presentadas da súa historia.
Do total de obras presentadas, o 88% proceden do ámbito estatal (maioritariamente Cataluña e Madrid) e case o 10% do ámbito internacional (Arxentina, Bélxica, Brasil, Estados Unidos e Cuba, entre outros) sendo o 2% restante de orixe descoñecida. A preselección das obras foi realiza polo licenciado en Dirección escénica e profesor do Institut del Teatre Rafael Duran; polo licenciado en Dirección escénica e dramatúrxia polo Institut del Teatre Iban Beltrán e pola dramaturga e licenciada en Filoloxía Hispánica Rosa Molero. O seu labor consistiu en elaborar unha ficha valorando a calidade lingüística, temática e dramatúrxica de cada unha das obras presentadas.
O xurado está formado polo profesor de estudos hispánicos e cataláns da Universidade de Grenoble Alps, Laurent Gallardo; por Juan Vicente Martínez, profesor de filoloxía inglesa na Universidade de Valencia e director de Sagunt a Escena; por Mercè Sarrias, dramaturga e guionista de televisión; polo profesor da Universidade de Barcelona especialista en Renacemento e Barroco, Josep Solervicens e pola dramaturga e membro da compañía Cos de Lletra, Ruth Vilar.
A primeira reunión do xurado celebrouse o día 21 de setembro na sala Beckett de Barcelona, mentres que a segunda reunión na que se decidirá o gañador do premio terá lugar o próximo sábado 12 de outubro.
A dotación do premio é de 14.000 euros máis a edición da obra gañadora nas catro linguas oficiais do Estado español (castelán, catalán, galego e éuscaro): na colección “Textos apart”, da Editorial Arola, en catalán; en galego na erregueté – Revista Galega de Teatro e en éuscaro e castelán en Artez.
O acto de entrega do XLIV Premi Born de Teatro 2019 terá lugar o 26 de outubro en Ciutadella de Menorca, coa representación da obra El principio d’Arquimedes, de Josep Maria Miró i Coromina, obra gañadora do Premi Born o ano 2011 e representada pola compañía Mô Teatre. Despois da representación e antes da entrega do Premio, os actores Jordi Boixaderas, Mercè Montalà e Josep Mercadal realizarán unha lectura dramatizada das obras de Josep Maria Quadrado no marco da conmemoración do bicentenario do seu nacemento.
Residencias de Creación Premi Born
Neste ano organizáronse as V Residencias de Creación Premi Born. Nesta quinta edición presentáronse 17 proxectos, sete máis que o ano pasado, de diversas procedencias do Estado. Os membros da Junta do Cercle Artístic foron os encargados de escoller o proxecto gañador que resultou ser peza Dramasofía das creadoras Kira Anzazu e Nicoletta Cappello.
Con Dramasofía, partindo das teorías dos grandes filósofos que as marcaron durante o bacharelato, as autoras emprenden unha viaxe á súa propia adolescencia para descubrir cales das súas teorías se manteñen nelas e porqué. O público participa activamente nesta obra, xa traballada na residencia artística en Casae Rappini (Roma) e na fábrica de creación Fabra i Coats (Barcelona), e é convidado a repensar a súa relación íntima coa filosofía.
Este ano, a Residencia de Creación desenvolverase do 10 ao 23 de outubro. Durante a súa estadía en Menorca, as dúas dramaturgas e pedagogas traballarán na súa obra e realizarán sesións co alumnado de artes escénicas do IES Josep Maria Quadrado e para alumando de 1º de Bacharelato dos dous institutos de Ciutadella.