Producións Dispersas estrea mañá, domingo 20, ás 12:00, no Auditorio Municipal de Ourense, Todas as marabillas do mundo, unha montaxe dirixida a público familiar e na que conviven, sobre o escenario, actores, monicreques e música en directo.
Todas as marabillas do mundo preséntanos unha personaxe fascinada pola beleza do mundo e as súas marabillas. Unha personaxe que desexa, máis que nada, coñecer e gozar de todas as cousas fermosas que o noso planeta nos regala. Pero esa fascinación na súa ollada apagarase pronto cando descobre que as marabillas son tantas e o mundo é tan grande que non tería nin o tempo nin os cartiños para poder gozar de toda esa fermosura.
O espectáculo fala tamén da tremenda frustración do seu protagonista, que deberá aprender a poñer en orde todas as emocións no seu interior porque, ás veces, non comprende como levarse ben con todo o que vive na súa cabeza.
O sentido común, o aburrimento, a vergoña, a alegría, a tristeza, a ira, a paz interior, entre outras emocións, serán así mesmo personaxes dun espectáculo que estará guiado pola música en directo.
Sobre o escenario, interpretando os papeis protagonistas, estarán os actores ourensáns Diego Freire e Bea Bravo. A música en directo será interpretada por Salomé Garrido (teclados e dirección), Raquel Huete (tuba), Jorge Justo (trompeta) e Sandra Pérez (percusión). As voces en off son de Ana Ponte e de Bea Bravo, mentres a escenografía e os monicreques corren a cargo de Daniel Díaz.