in , ,

Fin de semana ateigada de novidades no FIOT de Carballo

HamletChapito |
O festival estrea O electo, trae o Hamlet do Chapitô, e despide o III Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, entre outras actividades. Ademais, o FIOT propón a presentación aberta ao público do texto teatral da obra Habitada, escrita pola carballesa Olívia Pena e editada pola erregueté.

 

O 28º Festival Internacional Outono de Teatro afronta desde mañá a recta final da súa programación cun fin de semana ateigado de estreas absolutas e no país. Entre elas, destacan a representación, por vez primeira, de O electo, a nova produción de Contraproducións, grupo Focus e o FIOT, así como de Hamlet, que supón o regreso da Companhia do Chapitô a Carballo. Ambas forman parte do Programa de Sala, que rematará o vindeiro 1 de novembro co pase de Fariña.

Así, o público do FIOT asistirá mañá venres, ás 21:00, á estrea da nova comedia sobre a función política dirixida por Cándido Pazó. A obra, unha adaptación dunha dramaturxia de Ramón Madaula, presenta as horas previas ao discurso de investidura dun Presidente (interpretado por Manu Baqueiro) quen, ademais, se enfronta a un tic nervioso. Para atallalo, un psiquiatra (Antonio Mourelos) achegarase á fin de dar coa solución ao imprevisto. Xuntos compartirán unha incisiva batalla dialéctica sobre a vocación política e que pon o foco sobre a vulnerabilidade de queno exerce o poder.

O electo é a segunda das coproducións nas que o FIOT participa directamente este ano, logo de Medida x medida, no marco da súa liña de aposta pola creación e visualización das artes escénicas do país. Coa estrea deste venres son tres os espectáculos que o festival produciu, ao longo dos últimos anos, xunto á compañía galega Contraproducións que, nesta ocasión, suma esforzos co grupo teatral Focus. A unión dará pé a un longo percorrido da obra por recintos de todo o estado, xa que ademais contará cunha nova versión en castelán que se estreará no mes de abril en Zaragoza.

Ademais desta estrea absoluta, o Programa de Sala presentará este domingo 27 a nova produción da Companhia do Chapitô, Hamlet. Unha comedia visual e física que convida á imaxinación do público, trasladando o clásico de Shakespeare á contemporaneidade dunha empresa multinacional. O humor, a creatividade e o traballo físico son a linguaxe que emprega habitualmente a compañía portuguesa, recoñecida internacionalmente e asidua, ademais, ao FIOT. O seu Hamlet, reflexo dunha sociedade deshumanizada, aborda cuestións como a traizón, a vinganza, a corrupción, o incesto ou os xogos do poder. A través do uso de obxectos, Chapitô desafiará o enxeño do público, empregando nesta ocasión as garabatas como símbolo de poder.

Logo das funcións de O electo e Hamlet, o peche desta liña de programación chegará o vindeiro venres 1 de novembro, coa presentación no FIOT de Fariña, a adaptación teatral do ensaio do xornalista Nacho Carretero. Baixo a dirección de Tito Asorey, o reparto conformado por María Vázquez, Cris Iglesias, Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro e Sergio Zearreta dará vida ao texto de José L. Prieto que chegará esta fin de semana as táboas e o día 1 ao Pazo da Cultura de Carballo.

Outra das propostas que ofrecerá esta mesma fin de semana o Festival Internacional Outono de Teatro é a estrea en Galicia de Conservando memoria, un fermoso traballo da compañía riozana El Patio Teatro baseado no teatro de obxecto. A obra, enmarcada no 10º ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) propón un universo poético e máxico no que os obxectos cobran vida na imaxinación do público grazas a unha linguaxe propia que abordará historias que brotan da emoción ante o cotián. O traballo de Izaskun Fernández e Julián Sáenz-López, unha homenaxe aos avós, vén de ser premiado na Fira de Titelles de Lleida e poderase ver no salón de actos do Pazo da Cultura o sábado 26, contra ás 20:30.

 

Últimas sesións de Micro-Escenas e da Escola do espectador

Esta fin de semana despediranse do público de Carballo dúas das actividades máis singulares do FIOT, como son o III Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado e a Escola do espectador. No primeiro caso, o certame baixa o pano coa estrea absoluta de dúas pezas noutros tantos espazos singulares, como son un lavadoiro e unha paquetería. Así, o lavadoiro municipal acollerá as funcións de Soas lavan, de Tukumpás Teatro, unha comedia xestual musicada que conta, tanto na creación coma na interpretación, con Rubén Porto, Davide González e Martín Pol. A segunda das estreas será O silencio das tartarugas, unha proposta interpretada por María Dobronich unicamente apta para 10 espectadores por función, e que se trata dunha adaptación dun monólogo da dramaturga arxentina Lucía Laragione. Este espectáculo poderase ver, no horario habitual das Micro-Escenas, na Mercería e Paquetería Pilar María (rúa Fábrica, 5).


Publicidade

Finalmente, o broche dourado á esta nova edición da Escola do espectador porase cunha sesión arredor da representación da vida común ou da plasmación do que se entende coma realidade a través das artes escénicas. Tal e como propón o coordinador da Escola, o xornalista Camilo Franco, nesta ocasión a actividade “abordará unha das partes máis difíciles do teatro, como é a súa visión ou reflexo da vida común e como foi cambiando ao longo dos anos”. Ademais, as persoas asistentes a esta última sesión, achegaranse tamén a realidade que presenta o xénero da biografía no teatro. A cita, como é habitual, terá lugar desde as 12:00 e até as 13:30 horas en A Barra Bar e acompañarase dun pequeno aperitivo.

 

Presentación e lectura dramatizada de Habitada, de Olívia Pena

Ademais da súa actividade habitual, o FIOT propón este venres 25, ás 19:00 horas, a presentación aberta ao público, no Pazo da Cultura, do texto teatral da obra Habitada, escrita pola carballesa Olívia Pena.

Pena é profesora de lingua e literatura galega de ensino secundario nun centro educativo da vila, ademais de colaboradora de Casahamlet. A obra, publicada en 2018 na erregueté | Revista Galega de Teatro, reflexiona sobre as identidades e a loita polos soños. O acto, no que tamén estará presente o subdirector de erregueté,  Manuel Xestoso, contará cunha lectura dramatizada dun fragmento da obra coa colaboración do grupo de teatro amador Eu.Experimento do Centro Cultural Camoes de Vigo.

 

AXENDA DO FIOT PARA ESTA FIN DE SEMANA

Venres 25

19:00 – Pazo da Cultura. Presentación e lectura dramatizada de Habitada, de Olivia Pena.
21:00 – Pazo da Cultura. O electo, de Contraproducións, Focus e FIOT (estrea absoluta)

Sábado 26
12:00 – A Barra Bar. Escola do espectador. Vida común. A memoria non é un documento, con Camilo Franco.
13:00, 13:30, 19:00 e 19:30 – Lavadoiro municipal. Soas lavan, de Tumkumpás teatro (estrea absoluta).
13:00, 13:30, 19:00 e 19:30 – Mercería e paquetería Pilar María. O silencio das tartarugas, de María Dobronich (estrea absoluta).
20:30 – Pazo da Cultura (salón de actos). Conservando memoria, de El Patio Teatro (estrea en Galicia).
20:30 – Pazo da Cultura (auditorio). O electo, de Contraproducións, Focus e FIOT.

Domingo 27
20:30 – Pazo da Cultura. Hamlet, da Companhia do Chapitô (estrea en Galicia).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PremiBorn2018 1 |

Esta fin de semana entrégase o XLIV Premi Born de Teatre

Ruth e Antia

Entrevista: Ruth Gutiérrez, gañadora do XLIII Premi Born, e Antía Veres, tradutora da obra premiada