Esta coprodución con Teatro de Adro poderá verse do 30 de outubro ao 3 de novembro no Salón Teatro, onde ofrecerá dous pases matinais para escolares e catro funcións xerais.
Producións Teatrais Excéntricas chega esta semana ao Salón Teatro de Compostela para ofrecer cinco días de representacións do seu espectáculo Cartoóns, que supón a primeira incursión da compañía no teatro para público infantil e familiar. Trátase dunha coprodución con Teatro de Adro, que se insire ademais no catálogo de propostas co que Excéntricas está a conmemorar o décimo quinto aniversario da súa creación.
A sede do Centro Dramático Galego (CDG) será o escenario de seis representacións desta montaxe, dúas delas concertadas con centros escolares o mércores 30 e o xoves 31, ás 11:00. Pola súa banda, as funcións xerais terán lugar de xoves a sábado, ás 20:30 h., e o domingo, ás 18:00. Así mesmo, tras o pase do xoves organizarase un encontro co público durante o que os espectadores terán a oportunidade de coñecer máis sobre o espectáculo e o seu proceso de creación da man do seu equipo.
Víctor Mosqueira dirixe esta comedia, que el mesmo interpreta xunto a Josito Porto. Nela, danlles vida a dous clowns que viven fóra do sistema, rodeados de cartóns. Mais para eles, o que a sociedade considera lixo é unha materia prima moi valiosa para facer todo tipo construcións e aparellos.
A escenografía é de Marcelino de Santiago Kukas, a iluminación de Pepe Quintela e a produción de Rubén G. Pedrero, mentres que Quico Cadaval colaborou neste espectáculo prestando apoio á dirección.