in

O Bojador

OBojador |

A emoción do descubrimento

| Manuel Xestoso |

 

Descubrir o teatro é descubrir o universo, e explorar as posibilidades do escenario axuda a divisar novos horizontes máis aló do patio de butacas. O espectáculo do Teatro do Noroeste – CDV imaxina a obra de Sophia de Mello como un diálogo entre a autora e o seu fillo, un xogo íntimo que desprega o mundo a partir duns anacos de papel, dun tendal, dunha cadeira a medio facer. Ana Perfeito converte O Bojador nunha coreografía de palabras e accións elementais que explica como se constrúe unha obra de teatro ao tempo que suxire que a realidade está aí para navegar a través dela, para ensanchar os mapas que nos permiten comprendela.

O Bojador opera dende unha melancolía que se proxecta alegremente cara ao futuro, que mira cara ao pasado non para choralo, senón para inxectar os seus ventos nas velas dun futuro por escribir. Recupera esa idea dun teatro que non é máis que brincadeira: esa brincadeira que constrúe un universo novo en cuxa banda sonora soa Volare –a esperanzada peza de Domenico Modugno– e cuxo propósito e cruzar novos cabos que se abran a terras descoñecidas e promisorias. O neno anima debuxos e gorros de papel e con iso transfírelles a alma destemida dos descubridores; e a nai moldea ese espírito intrépido para lembrar que non hai aventura sen afectos que lle dean forma.

A épica do descubrimento de Henrique o Navigador e Gil Eanes transfórmase aquí nunha secuencia de delicados pasos que revelan os segredos do teatro, un rito iniciático e alegre que lle desvela ao neno as marabillas da existencia. Cos seus debuxos inocentes, os seus gorros de papel e os seus cabalos imaxinarios, Mané Carvalho e Pedro Roquette logran que a mensaxe, teoricamente dirixida aos cativos, alcance por igual aos adultos, que nos emocionamos de veras ante un espectáculo sinxelo, fermoso e sensible, que acariña o texto orixinal coa honestidade propia da inocencia.


Publicidade

 

O Bojador, sobre a obra de Sophia de Mello

Dramaturxia e dirección: Ana Perfeito
Elenco: Mané Carvalho, Pedro Roquette
Escenografia: Ricardo Sá (MeDeIn – ESTG / IPVC)
Vestiario: Casa São José
Deseño de Luz: Ana Perfeito
Construción escenográfica: Oficina Criativa ESTG, Double Concept Bar, Carpintaria Rocha, Neves Magalhães Lda – Cadeiras e Móveis, Ricardo Sá, José Esteves, Alexandre Calçada

Festival de Teatro de Viana do Castelo. Teatro Sá de Miranda. 15 de novembro de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AamnesiadeClio5 |

A amnesia de Clío

NachoCarcaba |

Comeza a 4ª edición de SóLODOS en Danza / Ourense