Nas nosas maletas
| Ana Abad de Larriva |
Hai lembranzas que sustentan, que desencadean, que mesmo dan sentido á nosa memoria persoal. E a partir desas lembranzas individuais vaise destecendo a memoria familiar e, tamén, a social. En Se fosen turistas levarían gafas de sol o detonante foron os ovos fritidos con azucre, as festas de Matamá e unha imaxe de familia a mediados do século XX no porto de Vigo. Esas lembranzas levaron a Fran Núñez, director e dramaturgo da peza, e ao seu curmán Brais Iriarte a afondar na súa historia familiar, marcada polo exilio de varios parentes a Uruguai na metade do século pasado.
Esta coprodución internacional de Limiar Teatro e Crémilo con varias compañías de Portugal, Arxentina e Uruguai móvese no terreo da autoficción. Ao redor dunha mesa, sentados en caixóns e maletas, o elenco recrea aquelas festas de Matamá, que serven de punto de partida para a narración e o simulacro a partir de diferentes figuras e episodios, non só da familia de Fran, de Brais e das súas curmás uruguaias Martina e de Magdalena Fernández (tamén presentes en escena), senón tamén da memoria individual, familiar e colectiva do resto de actores: Manuel Coelho, Iván e Mariano Solarich e Luis Filipe Silva.
É esta unha montaxe con fondura pero moi amena, en que se encadean diferentes recreacións con música en directo, coreografías e micromapping, alternando a comicidade e a emotividade. Ademais, Se fosen turistas levarían gafas de sol actúa como detonante para que a espectadora, o espectador, nos formulemos toda unha serie de cuestións sobre a propia memoria persoal e familiar e tamén arredor do exilio que, dun xeito ou doutro, nos arrodea e mesmo nos toca.
Mais a memoria tamén pode ser perversa, actuando de xeito selectivo, facendo que esquezamos o lugar en que estivemos ou estamos, non querendo ver o reflexo do outro en nós. Como dicía Fran no coloquio posterior á peza, segue a estar moi presente na nosa sociedade a postura de que “o último que peche a porta”. Eu, ti, el, ela, nós, vós, eles, elas… De xeito inconsciente usamos os pronomes para crear ou reforzar a nosa identidade e, ao tempo, a distancia co outro, cos outros. Se fosen turistas levarían gafas de sol non é só unha peza emotiva e chea de beleza, senón que tamén é unha montaxe moi necesaria.
Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro
Dirección e dramaturxia: Fran Núñez
Elenco: Manuel Coelho (Teatro Nacional Dona María II de Lisboa), Iván Solarich e Mariano Solarich (Uruguai), Magdalena Fernández e Martina Fernández (ECIE de Uruguai), Luis Filipe Silva (Comedias do Minho de Portugal), Brais Iriarte e Fran Núñez (Limiar Teatro).
Dirección musical e composición: Brais Iriarte.
Espazo e iluminación: Coco Castro e Fran Núñez.
Equipo de produción: Gimenez & Giménez, Carlos Martínez Carbonell e Fran Núñez
Limiar Teatro en coprodución con Centro Dramático Galego, Teatro Nacional Dona María II de Lisboa, Compañía Nacional
Salón Teatro do CDG, Santiago de Compostela. Xoves, 19 de decembro de 2019.