Onte presentouse aos medios o programa do I Congreso Internacional de Teatro Galego, que se celebrará entre o 25 e o 28 de marzo de 2020 na Cidade da Cultura. Na presentación, celebrada no Consello da Cultura Galega, participaron Inma António, presidenta da Academia Galega de Teatro, Juan Rivas, presidente do Consello territorial da SGAE, Anxo Lorenzo, Director Xeral de Políticas Culturais da Conselleria de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, e Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega. | Foto: Aigi Boga |
O Congreso terá un duplo obxectivo: por unha banda, analizar o pasado e o presente do teatro galego a través de comunicacións, mesas redondas e sesións plenarias dende unha perspectiva académica que contribúa a un mellor coñecemento do sistema teatral de Galicia. Por outra, deseñar, a través do debate, os principios teóricos que deben guiar a creación dun plan estratéxico e unha lei do teatro para a vindeira década. Equilibraranse así dúas perspectivas –académica e política– para deseñar o futuro do teatro galego.
Rosario Álvarez definiu o Congreso como unha “operación moi ambiciosa que contou co apoio do Consello da Cultura dende o principio” e referiuse ao Primeiro Encontro de Teatro Profesional celebrado en Ferrol, en 1988, como o único antecedente na historia do teatro galego, e declarou que o Congreso aspira a ser un punto de inflexión nas artes escénicas. Álvarez anunciou, ademais, que o Observatorio da Cultura Galega elaborará un informe sobre a escena do país que será debatido como documento ao longo do Congreso.
Juan Rivas, da SGAE, amosou a disposición da Sociedade de Autores para apoiar aos dramaturgos galegos e manifestou que se precisaba “unha maior presenza galega nas artes escénicas”. Pola súa parte, o Director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lourenzo, subliñou que a iniciativa xorde dunha Academia nova pero que suscita a activación do ecosistema teatral. Lourenzo asegurou que o Congreso dará lugar a unha reflexión importante sobre o sistema teatral.
Imma António agradeceu a complicidade das asociacións e institucións que conforman o tecido teatral galego, dende as asociacións profesionais –como a Asociación de Actrices e Actores de Galicia, Escena Galega, UNIMA Galicia ou a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural– ata as tres universidades, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a Biblioteca Francisco Pillado Maior, a Axencia Galega de Industrias Culturais ou asociacións de ámbito estatal como ADE (Asociación de Directores de Escena de España) ou AISGE (Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión).
“Estamos preparando un gran congreso que non ten precedentes na historia do teatro galego. Estamos preparados para acoller non só a profesionais galegos e doutros moitos países, senón tamén para converternos no referente das artes escénicas do futuro”, manifestou a presidenta da Academia de Teatro. “O Congreso traballará para reivindicar unha historia que vén de moi antigo, consolidar o traballo dos magníficos profesionais que fan posible que o teatro galego siga existindo e para dar un forte impulso á súa promoción e difusión nun momento de incertezas”, subliñou.
António asegurou que o Congreso examinará o pasado, o presente e o futuro do teatro galego co duplo obxectivo de salvagardar o patrimonio e elaborar liñas mestras que permitan debuxar un futuro mellor para as artes escénicas. “vivimos uns tempos convulsos para a cultura e este congreso aspira a reformular os alicerces sobre os que descansa a actividade cultural deste país, para que non dependa dos vaivéns da conxuntura política”, afirmou.
Tres grandes ámbitos temáticos
Deste xeito, “Experiencia, actualizade e modelos externos” abrirase cunha conferencia de Cristina Domínguez, vicedirectora da Escola superior de Arte Dramática de Galicia, vicedirectora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e ex directora do Centro Dramático Galego, ademais de directora de obras como Tio Vania, de Factoría Teatro, O regreso ao deserto, do CDG ou As do Peixe, de Abrapalabra; “O teatro e os públicos” por parte de Lucina Jiménez, doutora en Ciencias Antropolóxicas pola Universidade Autónoma Metropolitana de México e e especialista en políticas culturais, educación en artes, dereitos culturais e desenvolvemento sostible e recentemente nomeada Directora Xera do INBAL (Instituto Nacional de Bellas Artes y Literatura de México; e “A creación e os seus procesos” será impartida por Carme Portacelli, Licenciada en Historia del Arte, Directora de escena, exdirectora del Teatro Español de Madrid, Vicepresidenta de la Academia de las Artes Escénicas de España, e Directora Artístca da FEI.
Unha ducia de Mesas de Traballo debullarán temas como A experiencia acumulada; Retos actuais; Modelos externos; A creación e o público; Distribución; Difusión e formación; Teatro Afeccionado; Teatro de Monicreques; Produción e xestión; ou Creación, xestión e público. Unha vintena de comunicacións particulares, por outra banda, analizarán cuestións como a deontoloxía na profesión teatral, o emprendemento, as aulas universitarias de teatro, a tradución de textos teatrais, os procesos colaborativos ou a dramaturxia actual, entre outros.
Paralelamente, presentaranse proxectos como a Colección de Teatro da Editorial Galaxia, a Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado, a colección de textos bilingües Premios de Teatro Rafael Dieste –editada pola Asociación Española de Directores de Escena–, a colección de textos teatrais DiTeatro de Edicións Positivas, o Fondo Teatral María Casares xestionado pola Revista Galega de Teatro na Biblioteca Pública de Cangas ou o circuíto de distribución Camiño Escena Norte, promovido por Escena Galega (a a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) xunto cos seus equivalentes en Asturias, Cantabria e Euskadi.
Homenaxes
Coa intención de “render homenaxe a toda unha xeración que traballou para que a escena galega existise”, serán nomeados membros de honra Manuel Lourenzo, Luís Álvarez Pousa e María Xosé Queizán. Ademais, entregarase a Medalla da Academia, a título póstumo, a tres fundadores do teatro galego desaparecidos nos últimos tempos: Ernesto Chao, Gustavo Pernas e Celso Parada.