in

Ibuprofeno Teatro estrea ‘O mel non caduca’ en Compostela

OMelNonCaduca |
'O mel non caduca', de Ibuprofeno Teatro.
Ibuprofeno Teatro estrea este venres 31 de xaneiro, no Teatro Principal de Compostela, a súa nova montaxe, O mel non caduca. Marián Bañobre e Avelino González son os protagonistas desta traxicomedia escrita e dirixida por Santiago Cortegoso. A obra, que volverá a representarse o sábado 1 de febreiro, levará a cabo unha xira de presentación por Galicia –Ourense, Boiro, Vigo, Cangas, A Coruña, Narón…– a partir de febreiro.

 

O mel non caduca é un espectáculo arredor da obsolescencia programada, da relación do ser humano cos obxectos e a degradación do planeta a causa da perversa lóxica capitalista. É unha obra para emocionar e concienciar e tamén para rir e reflexionar. Rir de nós mesmos como individuos e como especie. Cuestionarnos, como humanidade, como puidemos chegar ata aquí.

A obra xira arredor de dúas tramas: dous científicos / apicultores, no ano 2173, levan a cabo sofisticados e absurdos experimentos, nun contexto de futuro distópico no que o planeta está arrasado. Tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do derradeiro tarro de mel que se conserva. Constrúen unha árbore no seu laboratoriopara tratar de recuperar os ciclos naturais que se perderon hai tempo.

Dous irmáns volven á casa familiar na aldea pola morte da súa nai. O conflito aflora cando deben xestionar as pertenzas familiares. O irmán máis vello opta por vendelo todo. A rapaza, máis nova, entra nunha crise vital porque se debate entre a súa acomodada vida nunha cidade afastada e a nostalxia que lle provoca volver a entrar en contacto cos obxectos e recordos que marcan a súa historia vital.

O mel non caduca ten forma de colaxe en todos os sentidos: temático, estético e na linguaxe. É unha mestura de claves, un espectáculo aberto que toma elementos do teatro xestual, da instalación, do clown, da narración, do realismo, do texto contemporáneo, que vai saltando do máis poético ao máis cru, do realismo ao onírico.

Marián Bañobre e Avelino González forman o elenco dunha obra que opera en clave cómica, empregando a ironía e o humor en múltiples e diferentes formas. Non humor fácil e condescendente co público, senón un humor reflexivo, crítico, con toques surrealistas e reminiscencias do universo dos clowns. Diego Seixo no espazo escénico, Davide González no espazo sonoro, Salvador del Río no deseño de iluminación e Carmela Bueno no movemento escénico e como axudante de dirección, completan a equipa.

 


Publicidade

A compañía

Santiago Cortegoso e Marián Bañobre fundaron en 2010 Ibuprofeno Teatro para sacar adiante proxectos de xeito independente. Despois de catro espectáculos de pequeno formato (A filla de Woody Allen, Pequenos Actos Pseudorrevolucionarios, Fitness e O Furancho), en 2016 comezaron a asumir producións de maior envergadura con Raclette (Premio Teatro Autor Exprés e Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais).

Casa O’Rei continuou coa procura dunha linguaxe persoal para falar dos temas clave que afectan ao ser humano contemporáneo, perseguindo o rigor na dramaturxia e integrando a escrita dramática no proceso de creación e posta en escena. Nas súas obras, os personaxes buscan a súa identidade nun contexto global e complexo que non poden controlar. O absurdo e un humor acedo e sarcástico son lugares comúns dos seus espectáculos.

O mel non caduca é o seu sétimo espectáculo, que se estrea coincidindo cos dez anos de traxectoria da compañía.

 

Ficha

Texto e dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: Marián Bañobre, Avelino González
Movemento escénico e axudante de dirección: Carmela Bueno
Espazo escénico e imaxe: Diego Seixo
Deseño de iluminación: Salvador del Río
Vestiario: Marián Bañobre
Espazo sonoro: Davide González
Técnico de luz e son: Héctor Pazos
Cobertura tecnica: Ningures Produción
Vídeo: José V. Estonllo
Maquillaxe e peiteado: Baia Fernández
Comunicación e produción: Fátima R. Varela
Produción e distribución: Ibuprofeno Teatro

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CalvileñoEHijxs |

Comeza o programa de Artes Escénicas de Vigocultura 2020

CertameVidalBolaño2020 |

Convócase o III Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño