Ansiedades contemporáneas
| Manuel Xestoso |
A angustia do ser humano ante o anunciadísimo colapso ecolóxico, o cinismo do capital tratando de cambialo todo para que todo siga igual (especialmente as relacións de traballo), a obsolescencia programada como ferramenta dun sistema baseado no crecemento infinito que, á súa vez, é a orixe da catástrofe… Son ideas que resucitan a freudiana batalla entre a pulsión de vida e a pulsión de morte: queremos unha civilización que nos protexa de toda incomodidade –o capitalismo–, aínda que esa protección supoña a medio prazo unha destrución irremediable da propia civilización. A culpa que xorde dese dilema lévanos a buscar coartadas máis ou menos rebeldes, aínda que poucas veces efectivas ante a ameaza: converterse en vegano ou volver á aldea constitúen horizontes persoais respectables, pero pouco operativos para frear o desastre colectivo.
Santiago Cortegoso retrata esas ansiedades contemporáneas a través dun teatro de ideas que se expresa a base de arquetipos. Para os coñecedores da obra do autor: O mel non caduca está máis na liña de Pequenos actos pseudorevolucionarios que de Raclette. Non explica a súa postura a través da historia, senón en paralelo á historia que nos narra. Trátase dun recurso dese teatro contemporáneo ao que Badiou acusaba de ser excesivamente declarativo. Arthur Miller escribiu Morte dun viaxante, un dos alegados máis feroces contra o capitalismo xamais escritos, sen necesidade de que a palabra capitalismo se pronunciase nin unha soa vez. A tendencia actual é explicitar a postura do autor opinando, por exemplo, que o capitalismo é malo porque vende lapis baratísimos pero que non serven para escribir.
Se cadra é un recurso tan válido coma outro calquera, mais presupón que o público comparte os mesmos principios que a obra. En caso contrario, a acusación de didactismo está asegurada: a obra énchese de personaxes sen grosor psicolóxico cuxas opinións abren un debate sobre o que o autor se reserva o dereito á réplica final. Quizais hai aí unha outra ansiedade por tomar partido ante os temas que asedian a discusión mediática dos nosos días.
En todo caso, O mel non caduca mantén un certo equilibrio a través dunha trama principal que tira da comedia para presentar o seu argumentario: estampas do desasosego moderno que permiten algunhas escenas de crítica afiada, servidas cunha austeridade vitriolicamente irónica por Marián Bañobre –que sempre consegue dotar os seus personaxes de comicidade sen renunciar á profundidade– e Avelino González –que funciona como contrapunto imperturbable que, porén, deixa albiscar a tristeza de todas as renuncias ás que obriga a adaptación aos tempos.
Mais a bidimensionalidade dos personaxes e a falta dun conflito real entre eles non permite que a emoción chegue plenamente ao patio de butacas. Bótase de menos unha historia que fale por si mesma, sen a protección da voz autoral.
O mel non caduca de Santiago Cortegoso
Texto e dirección: Santiago Cortegoso
Elenco: Marián Bañobre, Avelino González
Movemento escénico e axudante de dirección: Carmela Bueno
Espazo escénico e imaxe: Diego Seixo
Deseño de iluminación: Salvador del Río
Vestiario: Marián Bañobre
Espazo sonoro: Davide González
Técnico de luz e son: Héctor Pazos
Cobertura tecnica: Ningures Produción
Vídeo: José V. Estonllo
Maquillaxe e peiteado: Baia Fernández
Comunicación e produción: Fátima R. Varela
Produción e distribución: Ibuprofeno Teatro
Estrea no Teatro Principal, Santiago de Compostela. 31 de xaneiro de 2020.