O Auditorio Municipal de Ourense acolle o seu último espectáculo de gran formato, DAIMON y la jodida lógica, hoxe ás 20:30.
Matarile inicia en Ourense unha pequena xira por Galicia despois de pasar polo Festival de Otoño de Madrid, que acolleu unha retrospectiva cos últimos traballos da compañía. Tras máis de 30 anos innovando sobre a escena, Matarile continúa investigando sobre novas linguaxes e formatos.
Tras pasar por Ourense seguirá coa súa xira galega de inverno facendo parada en Santiago, o 14 de marzo. Así mesmo, o espectáculo Teatro invisible, protagonizado por Ana Vallés, será presentado na Sala Ártika de Vigo (29 de febreiro e 1 de marzo) e no Forum Metropolitano da Coruña (27 de marzo), dentro do ciclo “Sen numerar”.
DAIMON y la jodida lógica
A súa última montaxe, estreada en setembro en Vigo, supón unha explosión de danza, teatro, palabra, xogo, filosofía, música en directo, investigación sobre o son, iluminación xeradora dun espazo elocuente… con nove intérpretes en escena. O seu título baséase nun concepto mitolóxico que pode significar -segundo o contexto- “o destino, a voz da conciencia, a intuición, anxo ou demo, o murmurio da voz interior que detén ou empurra. Unha presenza oculta, imprevisible, que determina actos e decisións que non podemos explicar racionalmente” (Ana Vallés).
O traballo cos intérpretes céntrase en “buscar un equilibrio entre o verdadeiro e o verosímil” e deste xeito reflectir “o misterio, o inexplicable que hai detrás das persoas, o que move, impulsa e emociona”. Para iso, a directora artística contou cun elenco formado en parte por artistas habituais da compañía (Celeste González, Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Nacho Sanz, Alba Loureiro), e catro novas incorporacións (Ana Cotoré, Neus Villà Jürgens, Cristina Hernández Cruz e Jorge de Arcos), dúas delas froito de dúas convocatorias públicas ás que se presentaron máis de 150 persoas realizadas no Azkuna Zentroa de Bilbao e o Centro de Danza de Zaragoza.
Canto ao resto de elementos artísticos, volve a ser primordial a música orixinal con presenza dos creadores sobre as táboas (Nacho Sanz, Alba Loureiro, Cristina Hernández e Baltasar Patiño, este último ademais é o produtor musical). A produción musical trátase dun xeito especial, xa que se producen modificacións na sonoridade dos instrumentos en tempo real. Igualmente, a iluminación, selo de calidade da Compañía, funciona como atmosfera, creando o que se vén chamando ‘espazo elocuente’.
Matarile Teatro
É unha compañía dirixida por Ana Vallés e Baltasar Patiño, que conta cunha traxectoria de 33 anos dedicados á creación dun teatro caracterizado pola innovación e enmarcado nas artes escénicas contemporáneas. Na súa creación combinan distintas linguaxes en colaboración con artistas de distintas procedencias e traxectorias artísticas, buscando sempre a excelencia na calidade artística e técnica da posta en escena.
Ademais da súa creación como Compañía, Matarile Teatro promove espazos para a creación e o encontro desde 1993: Teatro Galán de Compostela, En Pé de Pedra – Festival Internacional de Danza e Sala Montiel Espacio In-Permanente de Compostela.