in

Un eurodeputado do Partido Verde solicita da Comisión a defensa do sector cultural

OpenLetterToEU |
O Eurodiputado verde Niklas Nienaß, membro da comisión de cultura do Parlamento Europeo escribiu unha carta aberta á Comisión Europea e abriu unha recollida de sinaturas en defensa do sector cultural.

 

A carta comeza describindo o panorama que queda tras a irrupción da pandemia: “os eventos e espectáculos en directo tiveron que cancelarse, mentres a maioría dos centros culturais foron obrigados a pechar as portas. Os creadores culturais vense gravemente afectados pola interrupción das oportunidades para exposicións e mostras. En sectores caracterizados polo traballo autónomo, a contratación de traballadores a tempo parcial e a flexibilidade laboral, xunto cun acceso limitado ou nulo a prestacións sociais, a perda de ingresos supón unha ameaza directa e inmediata para a existencia de autores, artistas intérpretes ou executantes e para todos os operadores culturais, moitos dos cales xa se atopaban en dificultades moito antes da actual emerxencia”, relata o deputado.

“En tempos de crise, a cultura é máis importante ca nunca. Con millóns de cidadáns confinados nos seus fogares, son a música, as películas, os libros e os espectáculos en liña os que representan unha fonte de consolo e esperanza. Son un factor esencial do benestar psicolóxico e desenvolven un papel clave no reforzo do sentimento de comunidade e da integración da sociedade”, continúa a carta, para a seguir, afirmar que “sen unha acción inmediata (…) quizais non sexamos quen de recuperarnos desta perturbación da cultura durante moitos anos, perdendo gran parte da riqueza e diversidade da escena cultural europea”. E continúa: “é a nosa responsabilidade protexer e apoiar o ecosistema cultural e aoscreadores en toda Europa para que poidan seguir creando cultura, netes tempos difíciles e no futuro”.

A partir de aquí, a carta de Nienaß é unha invitación á Comisión Europea e aos Estados membros a “que actúen de inmediato e de xeito coordinado” para “mitigar as consecuencias negativas da crise da COVID-19 no Sector Cultural e Creativo, en particular nos creadores independentes, así como nas pequenas e medianas empresas e asociacións”.

A curto prazo, o deputado solicita:


Publicidade

  • Ofrecer axuda financeira ao Sector Cultural e Creativo e a todo o ecosistema cultural, tamén a través da Iniciativa de Resposta de Investimento ao Coronavirus, de xeito proporcional ao tamaño dos sectores da cultura e da creación na economía.
  • Garantir o acceso ao desemprego e outras prestacións sociais aos profesionais da cultura, con especial atención a autónomos, e outras persoas que manteñen formas atípicas de traballo, incluídos os creadores procedentes de minorías culturais, e concederlles unha indemnización pola supresión dos ingresos.
  • Proporcionar axuda de emerxencia aos profesionais da cultura, especialmente os independentes, así como ás pequenas e medianas empresas culturais, por exemplo en forma de reducións de impostos, préstamos, (micro) créditos, compensación por perdas e custes non recuperables.
  • Aplicar medidas fiscais para aliviar a presión sobre o Sector Cultural e Creativo e estimular a recuperación no consumo de servizos culturais.

Unha vez finalizada a crise relacionada coa COVID-19, a UE debe, segundo o eurodeputado verde:

  • Crear un paquete de estímulo para os creadores culturais en toda Europa que conte co financiamento axeitado para abordar os efectos a longo prazo no sector da cultura e a creación. Este paquete tamén debería incluír facilitar legalmente a mobilidade dos artistas e das súas obras, por exemplo en relación coa fiscalidade e a normativa sobre visados.
  • Protexer os sectores culturais de futuras crises, en particular reforzando a súa dimensión social e adaptando as normas sobre seguridade social e dereitos laborais, tendo en conta a diversidade da man de obra dos sectores culturais e creativos.
  • Aumentar o financiamento público das artes e a cultura, garantindo ao tempo o seu acceso a outras fontes de financiamento, por exemplo reforzando a dispoñibilidade dos Mecanismos de Garantías para o SCC.

O Marco Financeiro Plurianual (MFP) tamén representa, segundo a misiva, un importante instrumento para apoiar e revitalizar o sector da cultura e a creación. Pedimos unha rápida adopción dun MFP ambicioso, que invista máis nas artes e a cultura a través da rúbrica Cohesión e Valores.

A carta aberta pode asinarse en OpenPetition.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Belén Constenla

No confín de… Belén Constenla

Fernando Epelde03 |

No confín de… Fernando Epelde