Juan Rodríguez, da compañía Caramuxo Teatro, está tendo unha complicada estrea como presidente de Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas das Artes Escénicas. Elixido o 5 de febreiro, tardou menos de un mes en ter que enfrontar os graves problemas derivados da pandemia do Covid-19 e a paralización que supuxo para o sector. Rodríguez explícanos as accións e propostas da asociación para avaliar o alcance da crise e para contrarrestar as súas consecuencias. | Manuel Xestoso |
Que pasos está seguindo Escena Galega para enfrontar a crise resultante da pandemia?
Dende antes do estado de alarma vimos mantendo conversas coas institucións e con outras asociacións do sector para artellar e negociar medidas que podan mitigar o impacto que vai ter esta crise nas artes escénicas galegas. Estas son semanas intensas de traballo na directiva, coas persoas asociadas, con Faeteda (a Federación Estatal de Empresas de Teatro e Danza, coa que elaboramos medidas para negociar co Ministerio), con Agadic, Deputación… Sendo conscientes de que estamos a traballar sobre un futuro incerto que non sabemos moi ben que nos pode deparar.
Dende Escena Galega fixestes unha recollida de datos sobre a suspensión de funcións/xiras para compañías galegas que se corresponden cos 15 primeiros días do estado de alarma. Podes adiantarnos en canto se estiman as perdas para as compañías durante ese período?
Si, fixemos esta primeira achega na que participaron 34 empresas entre asociadas e non asociadas. Nestes primeiros días calcúlanse unhas perdas de máis de 260.000 euros en funcións suspendidas. Coa suspensión de 172 funcións dentro de Galicia e preto de 60 fóra.
Estamos elaborar na actualidade unha nova enquisa coa que buscamos ter unha imaxe das perdas ata maio. Coa nosa achega e coas enquisas que están a elaborar o resto das asociacións estatais teremos unha fotografía máis real da grave situación que estamos a vivir como sector.
E que estimación facedes das perdas totais ata o de agora? Cales van ser as consecuencias inmediatas para o sector?
O noso é un sector fráxil, de pequenas empresas que o van pasar moi mal estes meses, de actores e actrices e técnicos e técnicas, normalmente contratados por función, aos que non se pode deixar atrás.
Ás perdas polas funcións que se aprazarán ou se suspenderán hai que engadir aquelas polas funcións que se farían en meses fortes como maio e abril e que nin sequera se contratarán pola incerteza coa que vivimos. Ademais, dependendo de como se alongue esta situación, están en perigo as funcións de verán e os festivais, para o teatro de rúa, monicreques, danza ou circo. Moitas empresas viven o resto do ano do traballo que realizan eses meses.
Preocúpanos moito a saturación de programación que podemos vivir en meses xa de si cargados de traballo como poden ser outubro, novembro e decembro. A todas as institucións estámoslles a pedir a máxima flexibilidade para que se execute todo o orzamento previsto. A volta do público aos teatros debe servir para fortalecer ás empresas. Pero antes de todo iso temos que conseguir chegar cun mínimo de músculo a ese momento e niso estamos a enfocar os nosos esforzos como asociación.
Cales son os principais perigos que enfronta agora o sector en Galicia?
Para min o principal perigo é deixar a alguén detrás, por iso as medidas nas que estamos a traballar dende Escena Galega buscan incluír a todos e todas… Vimos de presentar a Agadic un paquete de medidas máis elaboradas, mesmo con partidas económicas que se necesitarían para levalas a cabo.
Cales son as principais solicitudes que lle facedes á Xunta?
Este é un momento no que todos e todas debemos empurrar cara á mesma dirección, na que as compañías debemos axudar aos traballadores e traballadoras, e a Xunta fortalecer ás empresas para que non se vexan obrigadas a pechar. Por iso pedímoslle á Administración flexibilidade e empatía co sector. É o momento de estar á altura e buscar medidas imaxinativas que lles dean liquidez ás compañías. Teño que recoñecer que dende o comezo da crise Agadic amosou unha actitude moi positiva, de empatía e preocupación pola situación, pero é importante dar xa os primeiros pasos en firme, con valentía, para facer fronte a esta grave crise.
Cres que esta é unha boa ocasión para fortalecer e mellorar as redes de distribución? De que xeito?
Pensamos que si, é un bo momento para, aproveitando que o 2021 é ano Xacobeo, fortalecer as redes de distribución de Agadic, cunha maior implicación coa cultura galega. Por exemplo, dende Escena Galega, unha das nosas propostas é o incremento do orzamento para os concellos na Rede Galega de Teatros, de forma que este aumento se poda ver reflectido nunha maior contratación de empresas galegas, pagando Agadic o 90% do caché das funcións de circo e danza e o 80% das de teatro galego incrementadas.
Que axudas extraordinarias pensades que se precisan para non desmantelar o tecido produtivo das artes escénicas?
Para nós é importante que as medidas inxecten liquidez nas empresas, por iso pedimos flexibilidade na xustificación das axudas de 2019 a aquelas compañías que por mor da crise non podan xustificar as funcións que se solicitaban nas bases, igual que con aqueles espectáculos coproducidos co Centro Coreográfico Galgo e Centro Dramático Galego que ían ser estreados.
Expomos tamén unha axuda extraordinaria en rede, que busca paliar os efectos negativos das suspensións de funcións dentro da Rede Galega de Teatros e que vai asociada a unha xustificación dun 60% en nóminas ás persoas traballadoras para axudar a actores, actrices e persoal técnico que o estean a pasar mal, e un 40% ás estruturas.
Elaboramos tamén unha proposta de axuda que chamamos Reactiva, e que quere axudar a aquelas compañías que, unha vez abertos os teatros, necesiten re-ensaiar os espectáculos para poñelos a punto.
E sobre todo facemos fincapé en potenciar a distribución e en que non só non se perdan orzamentos, se non que se aumenten.
A Xunta anunciou que se reformularía o gasto previsto para o Xacobeo, como credes que debería materializarse esa reestruturación de gasto?
Nós pensamos que, en certo modo, temos como comunidade a sorte de poder contar no 2021 cun forte orzamento asociado ao Xacobeo, que se está ben xestionado pode darnos un colchón co que desgraciadamente non van poder contar outras comunidades. O Xacobeo debe fortalecer as nosas redes, as nosas programacións e debe verse como a gran oportunidade que imos ter os galegos e galegas de amosar a nosa cultura nas mellores condicións.
Para nós o Xacobeo debería fortalecer as redes de distribución de Agadic e ir acompañado dunha forte campaña de promoción das artes galegas para que o público poda volver a encher os escenarios. Propoñemos tamén un bono cultural que podería ir apoiado polo Xacobeo, para fomentar o acceso ao teatro a mozos e mozas, maiores de 65, ou colectivos en risco de exclusión.
Hai previsións sobre Galicia Escena Pro? Celebrarase este ano?
Pois, a verdade é que a estas alturas, que se poda facer en xuño parece bastante difícil. Estamos a valorar con Agadic diferentes posibilidades, tendo en conta o cargado calendario que teremos en outono.
Estades traballando con Faeteda para dar unha resposta a nivel estatal: cales son as principais solicitudes neste sentido?
Coa federación estatal estamos incidindo sobre todo na necesidade de artellar algunha axuda estrutural e flexibilizar as axudas a distribución do Ministerio. Para nós unha das medidas que pensamos máis importantes sería a de baixar o IVE ás entradas e aos cachés, esta medida daría algo de osíxeno aos teatros e ás empresas.
Estase facendo moito fincapé en que, na volta á “normalidade”, as economías domésticas van estar moi danadas e que, se cadra iso inhibe ao público de recuperar hábitos de “consumo cultural”. Como debería enfrontarse este problema engadido?
Como comentei anteriormente, propoñemos un bono cultural para incentivar o consumo, acompañado dunha forte campaña de promoción da nosa cultura.
Ademais preocúpanos garantir a seguridade dos espazos en canto á desinfección e limpeza, visibilizar unha serie de protocolos e normas de hixiene para que o público asuma os teatros como espazos seguros.
Xa pasou case un mes dende que se estableceu o confinamento. Como valorades a resposta de Xunta e Ministerio en canto ás medidas específicas para o sector?
Estamos a vivir un momento único, que require de moito traballo. Dende o comezo mantemos un diálogo constante cos concellos, Deputación da Coruña, Agadic e Ministerio vía Faeteda. Pouco a pouco, agardamos que todo este intenso traballo comece a dar os seus froitos en beneficio de todos e todas, e poder seguir traballando en novas medidas que estamos a valorar.
E cales serán as prioridades no momento en que se reinicie a actividade escénica?
Cando se reinicie a actividade debemos recuperar a ese público que durante estes meses sabe de nós polas redes sociais, facilitarlles un espazo seguro que podamos consensuar cos programadores e institucións, e pouco a pouco volver a esa normalidade da que somos conscientes que vai custar. O importante agora é traballar entre todas para, unha vez consigamos salvar ás empresas, podamos visualizar a volta aos teatros da forma menos traumática posible.