in

Falece Josep Maria Benet i Jornet, o pai do teatro catalán contemporáneo

Benet i Jornet

Josep Maria Benet i Jornet, “o pai do teatro catalán actual”, faleceu esta madrugada aos 79 anos de idade, vítima da Covid-19. Papitu, como era coñecido entre as súas amizades, padecía alzheimer e estaba ingresado nunha residencia de Lleida.

Benet i Jornet foi un nome decisivo para o teatro en catalán no franquismo, ao manter a tradición cando a continuidade semellaba rota. Exerceu de ponte entre os autores anteriores ao golpe de estado franquista e ás novas xeracións, coas que mantiña grandes vínculos. É considerado o mestre de dúas xeracións de dramaturgos: a de Lluïsa Cunillé e Sergi Belbel e o da de Josep María Miró e Cristina Clemente.

Nado en 1940 nunha familia traballadora de Barcelona, Benet i Jornet estudiou Filosofía e Letras e entrou en contacto con Ricard Salvat, Maria Aurèlia Capmany, Fabià Puigserver ou Montserrat Roig tras ingresar na Escola d’Art Dramàtic Adrià Gual, fundada por Salvat. Estreou a súa primeira obra en 1963, Una vella, coneguda olor, coa que conseguiu o premio Josep M. de Segarra e, a partir de aí, desenvolveu unha carreira na que asinou un número enorme de textos para as táboas: Fantasia per a un auxiliar administratiu, Cançons perdudes, Berenàveu a les fosques, Quan la ràdio parlava de Franco, Revolta de bruixes… son só algúns dos títulos que contribuíron a convertelo nun dos primeiros nomes da escena catalá.

Cultivou tamén o teatro infantil –Supertot (1975), Helena a l’illa del baró Zodíac (1975) ou El somni de Bagdad (1977)– e foi, ademais, o responsable dalgunhas das series de máis éxito de TV3, a televisión pública de Cataluña, como Poble Nou, Nissaga de Poder ou Ventdelplà.


Publicidade

Entre os numerosos premios recibidos na súa carreira están o Premi de la Crítica Serra d’Or de teatro en dúas ocasións, o Premi Nacional de Literatura Dramàtica de les Lletres Espanyoles (1995), a Creu de Sant Jordi (1997), o Premi de la Institució de les Lletres Catalanes de guions audiovisuals (1998), o Premi Max d’Honor (2010) e o Premi d’Honor de les Lletres Catalanes (2013), que recolleu no ano 2013, lamentando ser o primeiro en recibilo só por ser escritor dramático.

A obra de Benet i Jornet é coñecida en Galicia sobre todo polas montaxes que a compañía Teatro do Atlántico fixo dalgunhas das súas obras: en 2011, E. R. Algún día traballaremos xuntas, con Luísa Merelas, María Barcala, Susana Dans e Manuela Varela; e Dúas donas que bailan, aínda en xira, con María Barcala e e María Ángeles Iglesias, ambas dirixidas por Xulio Lago.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Juan Rodriguez

Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega: “O Xacobeo debe fortalecer as nosas redes e programacións”

NonNosCanceles |

A cultura desenvolve nas redes a campaña #NonNosCanceles