in

Traballadoras das Artes Escénicas piden unha rectificación do Ministro de Cultura

ConArte |
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) forma parte de ConARTE (Confederación de Artistas Trabajadores del Espectáculo) xunto a Associació d’Actors i Directors Professionals de Catalunya (AADPC), Asociación de Profesionales de la Danza en la Comunidad de Madrid (APDCM), Associació de Professionals de la Dansa C. Valenciana (APDCV),Unión de Actores y Actrices de la Región de Murcia (UARM), Associació d’Actors i d’Actrius Professionals de les Illes Balears (AAAPIB) e a Unión de Actores de Canarias (UAC). ConArte, de forma conxunta e a nivel estatal, envía este comunicado ao respecto ás declaracións de onte do ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes.

 

ConArte, a confederación de artistas de España que aglutina un total de sete asociacións sindicais de todo o territorio estatal entre as que está a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, envía un comunicado para mostrar “a súa perplexidade e profunda preocupación ante a evidente e manifesta inacción do Ministerio de Cultura”. A confederación estatal, despois da primeira comparecencia do Ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, desde a declaración do estado de alerta o pasado 14 de marzo, “para unicamente afirmar que o seu departamento non tomou nin tomará nun futuro próximo ningún tipo de medida específica”. Segundo ConArte, “a indolencia e irresponsabilidade mostrada polo ministro de Cultura e Deportes contrasta coa entrega e colaboración que mostrou un sector, o das artes escénicas e musicais, que nas últimas semanas desenvolveu un frutífero traballo de colaboración e diálogo cuxo resultado é o documento conxunto asinado por máis de trinta asociacións destes ámbitos culturais titulado 52 medidas extraordinarias para las artes escénicas y musicales”.

Neste documento, feito público o pasado sábado e entregado ao Ministerio de Cultura e Deportes este luns, especifícanse un amplo conxunto de propostas urxentes para afrontar as consecuencias da crise sanitaria provocada polo Covid-19 no sector da escena e a música, repartidas todas elas en diferentes ámbitos concretos: contratacións públicas, medidas laborais e relacionadas coa seguridade social, materia impositiva, subvencións públicas, financiamento empresarial ou fomento da cultura.

Deste xeito, di a confederación de sindicatos “facilitábase unha folla de ruta ao Goberno para tratar de paliar as dificultades dun sector que se enfronta á suspensión no estado de máis de 30.000 funcións e concertos só entre os meses de marzo e maio, o cal se traducirá en perdas económicas de máis de 130 millóns de euros. A estas cifras é preciso sumarlle a grande incerteza a medio prazo que recae sobre as artes vivas, a chamada ‘desescalada’ do confinamento. Tampouco se pode obviar a fraxilidade do tecido empresarial nin a vulnerabilidade da masa laboral destes sectores, caracterizados por unha forte estacionalidade, a intermitencia da actividade ou a escasa capacidade de aforro que dificultan a resistencia ante eventualidades de forza maior como as que estamos vivindo”.


Publicidade

“Porén”, continúa o comunicado, “o ministro asegura que non tomou nin tomará proximamente medidas específicas para o sector e dedicou a súa única rolda de prensa desde que se desatou a crise para evitar calquera tipo de anuncio e prescindir da máis mínima concreción. Así, Rodríguez Uribes centrouse en remarcar evidencias que ninguén neste sector discute como que ‘a prioridade é combater con éxito a pandemia’, que ‘esta crise afecta tamén a cultura e deporte, pero non só’ ou que ‘non é unha crise sectorial, non é unha crise da cultura, o deporte, e o turismo’.

ConArte cualifica estas afirmacións de “vagas e carentes do máis mínimo compromiso” e manifesta a súa sospeita de que “trasladan unha mensaxe nada esperanzadora para a cidadanía que vive da cultura, ao tempo que vai en contra dunha máxima repetida polos nosos representantes políticos: ninguén quedará atrás. Non obstante, se o ministro non rectifica na súa escasa implicación fronte a esta crise desde xa e queda reducido a un simple convidado de pedra nos consellos de ministros, non deixará unicamente atrás ao seu Ministerio e á súa responsabilidade institucional, senón ás miles de persoas que traballan coa cultura como a súa materia prima”.

O comunicado remata sinalando que “dadas as circunstancias, a esta Confederación de asociacións sindicais non lle queda máis remedio que pedir unha rectificación inmediata do ministro para que asuma as súas responsabilidades”. “En caso contrario”, finaliza, “quedará meridianamente claro que non pode continuar como interlocutor válido para un sector que, malia ser dos primeiros en pechar e que será dos últimos en reabrir, non parou de traballar e dialogar polo seu futuro”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Uribes01 |

O Ministro de Cultura decepciona ao non ofrecer ningunha medida concreta para o sector

Santi Prego

No confín de… Santi Prego