Santi Cortegoso é unha das figuras de referencia no panorama teatral galego. Autor de pezas como 0’7% Molotov, Raclette ou Pequenos actos pseudorevolucionarios, foi premiado en numerosas ocasións. O último espectáculo da súa compañía Ibuprofeno Teatro, O mel non caduca, está protagonizado por Marián Bañobre e Avelino González. | Foto: Diego Seixo |
O libro que tes sobre a mesa de noite.
L’ Abeille (et le) Philosophe (O filósofo e a abella) de Pierre-Henri Tavoillot e François Tavoillot. Aínda que xa estreamos O mel non caduca, continúo mergullado no universo da apicultura. É fascinante.
A túa banda sonora destes días.
Nenos, paxaros, cans, tractores, desbrozadoras e Radio 3. Pero, ademais, deume por poñer algúns CD’s deses que se amorean a centos desde hai anos nuns estantes esquecidos. Os de Van Morrison e os de música africana funcionan perfectamente. E ata me parece que non están obsoletos!
O último filme que te impresionou.
Songs from the Second Floor de Roy Andersson. Tamén me sorprendeu gratamente Ventajas de viajar en tren do director vasco Aritz Moreno.
A obra de arte na que te perderías agora.
En calquera, con tal de fuxir da realidade. Pero, por cuestións creativas, estes días véñenme moito á cabeza eses cadros barrocos nos que hai moitos personaxes ben colocadiños de xeito que compoñen figuras harmónicas. Non estou nada minimalista.
A peza que che gustaría facer.
Algunha na que eu volva traballar como actor, sen ningunha outra responsabilidade. Vouno deixando pasar e estoume oxidando.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Son moito máis de viño que de cañas. Agora mesmo levaría a Homero de furanchos, para tratar de sacarlle información, axudado polo estado de sinceridade que se experimenta despois dun par de cuncas.
Se non foses teatreiro, serías…
Físico cuántico. Encantaríame.