Actriz, pedagoga teatral e cofundadora d’A Quinta do Cuadrante xunto a Tito Asorey. Entre os seus últimos traballos sobre as táboas destacan Medida por Medida de Producións Teatrais Excéntricas e O empapelado amarelo con dirección de Asorey, peza pola que está nomeada á mellor adaptación/tradución nos Premios María Casares 2020. En cinema protagonizou o pasado ano o filme Arima de Jaione Camborda. | Foto: Mermaid Photo |
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Teño varios: Augurios de Inocencia e M- Train de Patti Smith, Aquí la bruja no se quema de Amanda Lovelace, Aquelarre de muñecas de Ana Elena Pena, Amok de Stefan Zweig e Rewind de Juan Tallón. Este foi o último que comecei, e suscita moitas reflexións acerca da posibilidade ou imposibilidade de rebobinar(nos).
A túa banda sonora destes días.
Bastante variada: o canto dos paxaros (escóitase perfectamente no silencio da rúa), varios temas de Daughter, Edward Sharpe & The Magnetic Zeros, Seafret, León Benavente, Vance Joy, Muddy Doll, a choiva golpeando nos cristais e as tellas, e especialmente Ghosteen de Nick Cave and The Bad Seeds.
O último filme que te impresionou.
Ida de Pawel Pawlikowski. É conmovedora, salvaxe, fermosa, sublime a nivel compositivo e cunhas interpretacións hipnóticas
A obra de arte na que te perderías agora.
A Biblioteca Medicea Laurenziana, en Florencia.
A peza que che gustaría interpretar.
Calquera que poida ser feita con tempo de experimentación, ensaio, compromiso, diversión, respecto e coidado.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Dolores Ibárruri.
Se non foses actriz e docente teatral, serías…
Funcionaria psicótica ou mestra de educación infantil.