Voadora estreará en 2021 a adaptación transgresora do Othello de Shakespeare baixo a dirección de Marta Pazos. A compañía galega prepara nesta primavera o seu terceiro espectáculo baseado na obra de William Shakespeare, despois de O soño dunha noite de verán e A tempestade.
A obra, producida pola propia compañía, dará especial relevancia aos personaxes femininos. Así, o novo traballo de Voadora ofrecerá unha perspectiva na que as personaxes de Desdémona, Emilia e Bianca serán principais, mentres que os papeis de Othello e Iago adoptarán un rol secundario. “Será un espectáculo transgresor, dotado de intencionalidade e que, tal e como é habitual no noso traballo, contará cun compoñente musical moi importante”, sinala a directora e escenógrafa, finalista dos International Opera Awards coa ópera bufa Je suis narcissiste.
Othello será o terceiro encontro da compañía co dramaturgo inglés ao longo da súa traxectoria. No ano 2014, Voadora propuxo unha reinvención de A tempestade outorgándolle elementos musicais e cómicos. A segunda ocasión na que levou a escena a Shakespeare foi en 2017 coa comedia O soño dunha noite de verán, coa versión do chileno Marco Layera ao redor do transxénero. O próximo ano, Voadora regresará á traxedia clásica cunha adaptación na que a posverdade e a violencia de xénero serán os grandes temas sobre os que xirará o espectáculo teatral, que contará co encontro de disciplinas artísticas e linguaxes contemporáneas que definen o traballo de Voadora.
Ademais de Othello, a compañía estreará proximamente Siglo mío, bestia mía no Centro Dramático Nacional. O espectáculo, dirixido por Marta Pazos e baseado no texto de Lola Blasco galardonado co Premio Nacional de Literatura Dramática 2016, tiña prevista a súa estrea esta primavera no Teatro Valle-Inclán. A suspensión de eventos en espazos vinculados ao INAEM debido ao Estado de Alarma provocou que a estrea fose adiada. A proposta conta con José Díaz, Carlota Gaviño, César Louzán, Miquel Ínsua e Hugo Torres no seu elenco.