in

No confín de… Caterina Varela

Caterina Varela |
Bailarina, creadora e xestora cultural. Directora xunto a Alexis Fernández da compañía La Macana, Caterina Varela coordina, ademais, o programa de Residencias Paraíso do Colectivo RPM e o proxecto de Programación Expandida TRCDanza do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Son das que teño máis dun ao meu carón. Nas últimas semanas estou a cabalo entre a primeira lectura de Middelsex de Jeffrey Eugenides, a compilación en papel do blog colectivo Sobre as cousas e a relectura do marabilloso poemario Camuflaxe de Lupe Gómez.

Noutra orde de cousas, teño que confesar que a lectura máis inspiradora das últimas semanas foron as decenas de proxectos presentados á convocatoria de Residencias Paraíso. Toda unha viaxe. Mergullarse hoxe –neste contexto– polos temas que ocupan os corpos das artistas de artes vivas é un chute de adrenalina tremendo. Sensibilidades tan no presente que anuncian futuro, temas cunha pertinencia brutal que falan máis do común que do propio e a firme evidencia do enorme capital artístico do país. En fin, especialmente nesta situación, a experiencia desta lectura vólvese protagonista.

A túa banda sonora destes días.

O que máis escolle é o noso fillo de tres anos. Penso que os tres primeiros temas da súa playlist –Under Pressure de Queen con David Bowie, Jolene de Dolly Parton e La Perla de Calle 13 e Rubén Blades– sonaron máis dun cento de veces neste confinamento. É difícil negarse porque o esforzo das crianzas está sendo titánico. A banda sonora vai á par da sesión de danza no salón, o gran evento do día.

No meu autoconfinamento (desexado) na oficina de casa, escoitei varias veces o primeiro disco de José González porque me leva a outra época na que as preocupacións eran outras, moito menores, e intento conectar con ese estado. Tamén aparece a miúdo a sempre benvida Michelle Gurevich.

O último filme que te impresionou.

Esta semana vin dous dos que tiña pendentes: Happy End de Haneke e The Square de Ruben Östlund. Especialmente o último deixoume unha pegada salvaxe.

Da semana pasada lembro especialmente Eroski Paraíso de Xesús Ron e Jorge Coira, e como gocei da interpretación espectacular de Patricia de Lorenzo.


Publicidade

A obra de arte na que te perderías agora.

Nunha de danza, seguro, con moitos corpos, moito contacto e moita entrega. Agora que o contacto entre corpos está cuestionado, a idea de ‘revolcón’ é totalmente revolucionaria. Por poñer algún exemplo, imaxinade Los besos de Aitana Cordero. A mirada hoxe sería outra, case diría que amplificando a orixinal.

A peza que che gustaría dirixir.

Sendo pragmática, as que estaban previstas para este ano. Ademais da xira adiada de Pink Unicorns de La Macana, na axenda está un proceso de creación para a Compañía Nacional de Danza de Ecuador que se estrearía no verán. Tamén confío en levar a termo 2048. Imaxinarmos capaces, a peza que tan felizmente fomos construíndo para a Aula de Danza da UDC cos meus queridos Alexis Fernández e Félix Fernández.

Por outra banda, gustaríame acompañar a través da Programación Expandida TRCDanza todas as pezas que non puidemos ver no arranque de ciclo no Teatro Rosalía de Castro . Coordino este proxecto desde hai sete anos e sei que o Rosalía fará o posible porque suceda tan pronto deixen abrir os teatros. Imaxino a todas as espectadoras desexosas por atoparse co ‘vivo’, facendo cola. Por que non imaxinar ese escenario postepidemia?

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Con algunha descoñecida que me abra os ollos a outra historia que non foi contada aínda. Entre que a historia non me interesa moito (fainos gracia isto na casa porque tanto o meu home coma o seu fillo adolescente gustan dela bastante) e que sinto que non a creo de todo, gustaríame unha caña con algunha das que quedou fóra dos referentes clásicos para sentir que me estoupa a cabeza. Seguramente fose muller, racializada e pobre.

Se non foses bailarina, creadora e xestora cultural serías…

Seguramente sería deseñadora gráfica ou arquitecta. Estudei ambas cousas, pero a vida non dá para todas… De todos os xeitos, penso que sería o mesmo pero noutro sitio, porque escapar dunha mesma ten que ser difícil. No fondo: a cousa non está no como e non no que?

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

soncc83ovoadora1 |

Voadora prepara unha adaptación do ‘Othello’ de Shakespeare para 2021

Smara |

Transmissão, teatro radiofónico en Portugal