in

Diario de cativerio. Día 41, por Esther Carrodeguas

Sós |
| Esther Carrodeguas |

 

Non poucas veces as novas parecen sacadas de El Mundo Today. Acontece. E non queda máis remedio que poñer a man sobre a fronte, como a icona de wasap.

Que millóns de hoteis e casas estean baleiras mentres amoreamos persoas en pavillóns, por exemplo, dá para unha viñeta. E que cando mercas un barril de petróleo che dean 40 pavos, nin che conto. Dá tentación, mercar. sobre todo para paliar as perdas da miña empresa.

Como empresaria, non puiden –nin poderei- acollerme a ningunha axuda. Sinxelamente porque, como acaso o 60 ou 70 % dos empresari@s teatrais, me acababa de dar de alta. Isto nunca me pareceu importante na miña individualidade –pareceume unha circunstancia coa que me tiña que foder-, pero si que me fixo reflexionar en plan sectorial, como a outr@s. Logo deume moita mágoa, por casos que comecei a coñecer de persoas que viñan de abrir un negocio: emprendedores e emprendedoras ilusionadas con todo o investimento posto sobre a mesa e sen poder abrir a discoteque, poño por caso, como lin no xornal.


Publicidade

Nos xornais lense moitas cousas. Hoxe por exemplo un tipo que escribe diarios de corentena coma min (pero en El País) fai unas reflexións la mar de interesantes sobre a resaca esta que estamos a vivir, e para non repetirme, se vos presta, podedes lelo online, que pronto o atopades. Tamén nos xornais saen todas esas curvas nas que tentamos entender calquera cousa ou aferrarnos a calquera cravo. Eu, custa dicilo pero vouno dicir, miro por veces se os franceses ou os británicos van indo peor ca nós. É un pensamento infantil, bastante desprezábel por certo, pero dáme aquel que volvamos ser os últimos de Filipinas. Xa sei que son cousas que non debería de pensar e moito menos de escribir, pero non me gusta a autocensura e gozo de liberdade de pensamento. Con todo, fixádevos como é a cousa que o que me preocupa de verdade é eses NÓS. Xamais eu me identificara de tal maneira con ISO.

Tento paliar esa identificación volvendo ás raíces, para trincar a escota dunha ilusión.

Hoxe, o mellor libro que vos podo recomendar é De catro a catro (Follas d’un diario de D’abordo). Porque a nós tamén nos roubaron o sol, e o vento. Os ventos da nosa roseta tamén se ourentaron ao esquenzo. E como as del, as nosas soedades veñen de lonxe como as horas d’o reloxe.

O cadavre d’o Mar fixo d’o barco un cadaleito.
E ficamos nós sós.
Sin o Mar e sin o barco.
Nós.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Paco Macías

No confín de… Francisco Macías

Marta Pazos

No confín de… Marta Pazos