in

Diario de cativerio. Día 50, por Esther Carrodeguas

Esther Carrodeguas
| Esther Carrodeguas |

 

Hai algo máis de dez anos (ano de 2009) comecei a traballar como estatua na rúa. Era algo que sentía que tiña que facer. Tanto que, cando por fin me puxen, foi unha experiencia bastante profunda (sentín que iso era o que eu era: esa quietude). Sentín Volver.

Foi unha vivencia que realicei durante anos. A xente preguntábame se non me anguriaba e eu sempre contestaba que non, que todo o contrario. Porén deixeino, porque como performer (como actriz, como creadora, como artista) sentía que xa era hora de chegar máis alá, de pasar páxina.

Con todo esa atracción pola quietude (polo s i l e n c i o) foise desenvolvendo na miña vida de diferentes maneiras, máis ou menos espirituais. Dende mirar o mar ao mindfullnes con audios guiados a proposta dun psicólogo que tiven que visitar unha tempada.

Agora, grazas ao Cativerio, volvín sobre iso que tanto me apaixona, acaso porque, por fin, non lle podo poñer como escusa ao meu cerebro a falta de tempo. O das escusas a unha mesma é un tema ben curioso. Un tema que precisamente está no miolo do asunto, xa que todo ten que ver co MEDO.

Comecei por pegarme uns baños apoteósicos.

Despois chorei tanto como puiden.

Cando me levantei decidín comezar a facer exercicio, e ioga.


Publicidade

E do ioga máis pronto que tarde acabas na meditación.

O curioso foi que, wasapeando, descubro que moitas das persoas coas que eu me relaciono están a facer ioga [ou calquera outra rutina deportiva] coa mesma tipa coa que eu poño o cu para arriba. Unha tipa que non é galega, nin española, nin sequera europea, que fala en castelán pero con acento de quen sabe onde. Quero dicir que estamos confinados entre catro paredes: CATRO. E que a nosa liberdade acaso non estea nada máis que no noso silencio.

Son as 17:28.

25.000 mortos. Glovers que reparten cocaína a domicilio. Políticas que tiran fotos en Hospitais que non deberían de ter existido. Xente durmindo na rúa cando na rúa non se pode estar, sábeo todo o mundo! Mascariña si / mascariña non. A economía baixa, as paradas soben. Feijoo insiste na volta ao turismo como vía de recuperación. A chanceler alemá apaixoa ao mundo. Pita o móbil cun novo directo en Instagram. Teño que poñerme co tema da subvención.

Son as 17:40.

En breves saio dar un paseo pola praia.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ana Carreira

No confín de… Ana Carreira

María Peinado

No confín de… María Peinado