Autor teatral, director de escena e narrador oral. A piragua, Ñiquiñaque, As do peixe ou Fillos do sol son algunhas das pezas máis destacadas deste dramaturgo vigués que ten adaptados, entre outros, textos de Goldoni, Brecht, Sam Shepard ou Gil Vicente. Con Vida de cans, o seu último espectáculo, opta ao mellor texto orixinal nos Premios María Casares 2020.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Emilia Pardo Bazán, a biografía de Isabel Burdiel. Por traballo, pero é excelente e pracenteira de ler.
A túa banda sonora destes días.
A de hoxe é o Himno de Riego, porque é 14 de Abril.
O último filme que te impresionou.
Pois… Non me debeu impresionar tanto, porque non dou lembrado o título. Ou se cadra é que estou a perder memoria.
A obra de arte na que te perderías agora.
Supoño que, como tanta xente estes días, nun cadro no que se pinte unha paisaxe aberta e vizosa. Inda ben que a vista desde a miña xanela non está nada mal.
A peza que á che gustaría dar forma.
Cigarreiras, a peza que teño que escribir-adaptar a partir de materiais de La Tribuna de Pardo Bazán e da propia vida da escritora. É para estrearmos a finais deste ano, pero tal como están as cousas… Non sei eu.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Agora mesmo con poder tomar unha caña nun bar, con quen sexa, xa me conformaba. E se fose ao saír dunha función, que saben tan ricas, entón xa…
Se non foses cómico, serías…
Eu querer, querería ser músico, pero a natureza non me deu o máis mínimo talento para ese oficio.