Critican a decisión unilateral do Concello de Ourense de cancelar todos os eventos até a celebración do San Martiño sen dialogar co sector. | M. X. |
A pandemia do Covid-19 está provocando enormes perdas para a cultura, paralizando a actividade, deixando desamparadas ás creadoras e desvelando a fraxilidade das estruturas culturais en todo o mundo. Mais tamén provoca batallas locais que atinxen á proximidade, aos modos en que a poboación se achega á cultura dende a base, no día a día.
A relación do alcalde de Ourense, Pérez Jácome, co mundo cultural está cheo de desencontros. Unha das primeiras decisións que tomou tras a súa toma de posesión foi modificar por completo a política cultural do Concello retirándolles o apoio a festivais tan consolidados como o FITO, o Pórtico do Paraíso ou o Festival de Cine Internacional de Ourense. O comerciante que agora dirixe a cidade co apoio dos seus antigos inimigos do PP, ademais, adobiaba as súas decisións con declaracións provocadoras que falaban de crear estruturas “profesionais con espírito amateur”, de que ás entradas a un espectáculo teatral tiña “uns custos maiores ca en Broadway” ou que acusaban de “elitismo” á rede cultural creada ao longo de moitos anos.
Coa chegada da Covid-19, a confusión sobre a súa política cultural volve á ter un lugar destacado. O pasado 20 de abril, o Concello de Ourense anunciaba que durante os meses de xullo, agosto e setembro a cidade acollería un gran número de actividades co “obxectivo de recuperar e reforzar a escena cultural”. Mais só tres días despois, o 23, foi o propio alcalde quen anunciou a cancelación de “todos os eventos e festas culturais e deportivos masivos, anteriores ao San Martiño” por mor da pandemia do coronavirus.
Co primeiro anuncio o consistorio marcaba “actividades semanais para todos os públicos, que dinamizarán varios días as rúas da cidade con propostas que, polo seu formato, se adaptan ás restriccións que obriga a pandemia” e, ademais, anunciaba que “estaba atrasando para novas datas, a partir do mes de setembro, as actividades incluídas na programación do Auditorio e nos ciclos musicais afectados polo estado de alarma, sempre ca idea de non cancelar, agás que sexa inevitable, e planificando desde setembro, como medida prudente para non sufrir novos aprazamentos”. Coa nova medida, porén, a programación redúcese a “espectáculos de pasarúas itinerantes, sen aglomeracións”.
O sector cultural da cidade soubo pola prensa deste cambio e fixo público un comunicado no que denuncian “a obstinada persecución da cultura e a arte por parte do actual goberno municipal”.
As asociacións que asinan o comunicado salientan que este é o ano en que se celebra o centenario da Xeración Nós e que xusto neste momento histórico a “equipa do PP e DO tallan “a vida dun sector que está sendo crucial no confinamento: todas as redes sociais e medios de difusión en streaming ofrecen libremente produtos culturais –cine, literatura, vídeo, arte, formación,… Cultura, nunha palabra–, que están no epicentro da vida diaria e da estabilidade emocional da cidadanía”.
As asinantes pregúntanse por que non se lles consultou unha decisión tan drástica, en que criterios basea o Concello a súa resolución e se se están a valorar medidas paliativas para o sector da Cultura “como noutras administracións”. E aproveitan tamén para interrogarse polas causas de que o alcalde non reciba dende decembro de 2019 “aos representantes de 88 asociacións, empresas, axentes culturais e artistas que solicitaron formalmente ter unha reunión con el”.
O escrito remata esixindo unha reunión inmediata e executiva con Pérez Jácome e representantes dos grupos políticos do Concello “para articular e reorientar a acción cultural e a vida artística na cidade nestes meses” e poder recupera “orzamentos suspendidos nestes anos e os espazos públicos e infraestruturas en base a un programa concreto que garantiría escrupulosamente as normas de hixiene sanitaria e cautelas subseguintes, contando para iso coa axuda do propio persoal do Concello”.
O comunicado vén asinado por destacados colectivos culturais da cidade como a Mostra de Teatro Universitario (Miteu), o Festival Internacional de Teatro (Fito), o festival Corpo (a) Terra, a Asociación Outono Fotográfico ou o Festival Pórtico do Paraíso: empresas culturais como a Galería Marisa Marimón, a editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas ou a distribuidora Crémilo; compañías como Sarabela, Producións Dispersas ou Trécola; e coñecidas figuras da cultura como Rebeca Baceiredo, Manuel Carballo ou Lois Pardo.