in

No confín de… Avelino González

Avelino González
Actor e contador de historias, Avelino González é un dos rostros habituais nas táboas e pantallas galegas. Os seus últimos espectáculos como intérprete son Commedia, con dirección de Cándido Pazó, e O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro. Segundo di, as seguintes respostas non son excluíntes.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Facer sen mans, o publipoema unitario da Corporación Semiótica Galega. Tamén están El mono desnudo de Desmond Morris e Terranova de Mario Franco. Sempre poesía (en lexítima defensa). O ensaio é un recurso que me axuda a entender cousas e adoro a literatura testemuñal escrita en primeira persoa. E teatro, claro. Que bonito é ler teatro!

A túa banda sonora destes días.

Chaikovskii, as cancións de The Little Mermaid (A Sereíña) de Walt Disney e Mercedes Peón. A música clásica é extraordinariamente suxestiva e a de ballet moi divertida, aínda que o Nessun Dorma cantado por Franco Corelli ponme as bágoas na porta dos ollos. Esa capacidade de suxestión emparéntame agora mesmo con Mercedes Peón porque é moi interesante o que está a facer dun tempo a esta parte. E á Sereíña tocoulle estes días, ela non ten culpa. En realidade, Lo más vital de Baloo no Libro da Selva ándame sempre na boca, chova ou faga sol.

O último filme que te impresionou.

O que arde por ese principio de danza contemporánea e ese final desacougante. Pero a serie catalá Nit i Dia é unha gozada. Tamén en series Fariña e Dates. E Black Mirror, por suposto!

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Na exposición Galicia, un relato no mundo que non puiden ver! Destas cousas que deixas para mañá e mañá e mañá… Un desastre.

Escollería o Laocoonte para saír da cama e comezar un ensaio. Tamén O bico, esa marabilla que din que é de Rodin e disque é de Camille Claudel, unha muller que tivo a mala sorte de que a desgraza tamén se namorase dela. Gústame a escultura.
Francisco Leiro fai que me saian raíces. Ese xeito de deixar “sen rematar” as pezas de modo que a materia sexa tan creadora como o propio autor, atrápame. Como se faría iso en teatro? Oxalá puidese facer un espectáculo con escenografía de Xurxo Oro.

A peza que che gustaría interpretar.

Os dous cabaleiros de Verona de Shakespeare, que sempre me pareceu unha obra sobre os Erasmus. Tamén Stockmann, a versión que Oriol Tarrasón fixo de Un inimigo do pobo de Ibsen, simplificando o orixinal. Gustaríame facer Our Ladies of perpetual Succour, un disparate sobre as escolas de monxas, e Chatroom de Enda Walsh, unha delicia sobre o acoso, as redes sociais e as curtametraxes no teatro. Por dicir algunhas…

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Un feixe delas: Cunqueiro, La Bella Dorita, La Bella Otero, Carmen de Burgos, Rosa Luxemburgo, dona Urraca, Gamoneda… É como cando se saía de cuncas: imos tomarlle unha a este, logo temos que ir á do outro, e así facer o viacrucis das tascas, pero con xente. Non quero aburrilos.

Se non foses actor, serías…

Abelleiro ou calquera cousa que me permita estar na aldea. Actor, por exemplo.

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OurensePonte |

Profesionais da cultura de Ourense acusan ao alcalde de “obstinada persecución da cultura e a arte”

Ana Carreira

No confín de… Ana Carreira