A Consellería de Cultura e Turismo anunciou un Plan de Reactivación para os sectores cultural e turístico que, segundo a Xunta “permitirá impulsar a recuperación económica e a reactivación, fomentando o emprego e mantendo o tecido empresarial”. | M. X. |
No caso da cultura, o Conselleiro, Román Rodríguez, apuntou que a finalidade desta folla de ruta é “favorecer o consumo de produtos culturais ao tempo que se incentiva ao mantemento da industria cultural galega e se impulsan medidas de fomento da creatividade e da produción cultural”
Unha das liñas estratéxicas do plan pasaría pola reorientación do Xacobeo 2021 “como ferramenta de estímulo da actividade económica e do consumo co obxectivo de impulsar as industrias culturais e turísticas” de Galicia. Rodríguez lembrou que o Goberno galego xa lle solicitou ao Executivo central a extensión das desgravacións fiscais ata o ano 2022, unha medida que permitiría estimular as achegas privadas e captar máis recursos para o desenvolvemento de proxectos.
O presidente da Xunta presentou esta mañá as liñas xerais deste plan, aprobado polo Goberno no seu consello semanal e que conta cunha dotación de 27 millóns de euros. Once millóns destinaranse á actividade turística, 10’6 millóns, ao sector cultural e 5’1 millóns, a “medidas transversais enmarcadas no Xacobeo 2021”. Feijoo salientou que o plan “prevé que a convocatoria do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo para impulsar así ás industrias cultural e turística”.
Feijoo anunciou que o plan inclúe cincuenta medidas para “fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo”. Segundo a Consellería, o Plan de Reactivación responde ás “necesidades económicas do sector” e derívase da rolda de contactos que a Xunta mantivo con diferentes representantes da industria cultural. Porén, nin a Consellería nin o Presidente deron a coñecer ningunha das medidas que se poñerán en marcha.
O presidente da Xunta destacou que o plan estaba “consensuado” co sector, pero as asociacións consultadas pola erregueté declararon que descoñecían o plan. Si que se lles dixo que ía responder ás preocupacións mostradas na rolda de consultas que a Xunta mantivo con elas, pero ignoran o grao de resposta que se lles dará ás súas reivindicacións. “A partir do luns coñeceremos o plan e poderemos discutir os detalles”, matizan.
Denuncias do sector
O anuncio da Xunta prodúcese uns días despois de que a maior parte das asociacións profesionais do sector cultural galego fixesen público un documento no que denunciaban a falta de resposta do executivo ante a crise desatada pola pandemia da Covid-19. “Aínda non hai ningún anuncio concreto por parte da Xunta de Galicia tras finalizar ronda de contactos sectoriais”, destacaba un comunicado que, ademais, resumía as reivindicacións do sector en quince puntos que precisaban “respostas urxentes”.
O documento foille enviado tamén ás distintas forzas políticas “para que se posicionen e se comprometan a integralo nos seus programas electorais”, de cara as vindeiras eleccións, así como ao Consello da Cultura, xa que consideraron importante “coñecer a súa valoración do mesmo” e as posibles achegas que considerase oportuno introducir.
Os asinantes deste documento consideran fundamental a creación dunha Comisión de Seguemento do Plan de acción elaborado, así como “que a Xunta de Galicia manifeste claramente o seu posicionamento a prol de considerar a cultura un ben de primeira necesidade con clara incidencia positiva na convivencia e na democracia”.