Actor e contador de historias, Avelino González é un dos rostros habituais nas táboas e pantallas galegas. Os seus últimos espectáculos como intérprete son Commedia, con dirección de Cándido Pazó, e O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro. Segundo di, as seguintes respostas non son excluíntes.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Facer sen mans, o publipoema unitario da Corporación Semiótica Galega. Tamén están El mono desnudo de Desmond Morris e Terranova de Mario Franco. Sempre poesía (en lexítima defensa). O ensaio é un recurso que me axuda a entender cousas e adoro a literatura testemuñal escrita en primeira persoa. E teatro, claro. Que bonito é ler teatro!
A túa banda sonora destes días.
Chaikovskii, as cancións de The Little Mermaid (A Sereíña) de Walt Disney e Mercedes Peón. A música clásica é extraordinariamente suxestiva e a de ballet moi divertida, aínda que o Nessun Dorma cantado por Franco Corelli ponme as bágoas na porta dos ollos. Esa capacidade de suxestión emparéntame agora mesmo con Mercedes Peón porque é moi interesante o que está a facer dun tempo a esta parte. E á Sereíña tocoulle estes días, ela non ten culpa. En realidade, Lo más vital de Baloo no Libro da Selva ándame sempre na boca, chova ou faga sol.
O último filme que te impresionou.
O que arde por ese principio de danza contemporánea e ese final desacougante. Pero a serie catalá Nit i Dia é unha gozada. Tamén en series Fariña e Dates. E Black Mirror, por suposto!
A obra de arte na que te perderías agora.
Na exposición Galicia, un relato no mundo que non puiden ver! Destas cousas que deixas para mañá e mañá e mañá… Un desastre.
Escollería o Laocoonte para saír da cama e comezar un ensaio. Tamén O bico, esa marabilla que din que é de Rodin e disque é de Camille Claudel, unha muller que tivo a mala sorte de que a desgraza tamén se namorase dela. Gústame a escultura.
Francisco Leiro fai que me saian raíces. Ese xeito de deixar “sen rematar” as pezas de modo que a materia sexa tan creadora como o propio autor, atrápame. Como se faría iso en teatro? Oxalá puidese facer un espectáculo con escenografía de Xurxo Oro.
A peza que che gustaría interpretar.
Os dous cabaleiros de Verona de Shakespeare, que sempre me pareceu unha obra sobre os Erasmus. Tamén Stockmann, a versión que Oriol Tarrasón fixo de Un inimigo do pobo de Ibsen, simplificando o orixinal. Gustaríame facer Our Ladies of perpetual Succour, un disparate sobre as escolas de monxas, e Chatroom de Enda Walsh, unha delicia sobre o acoso, as redes sociais e as curtametraxes no teatro. Por dicir algunhas…
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Un feixe delas: Cunqueiro, La Bella Dorita, La Bella Otero, Carmen de Burgos, Rosa Luxemburgo, dona Urraca, Gamoneda… É como cando se saía de cuncas: imos tomarlle unha a este, logo temos que ir á do outro, e así facer o viacrucis das tascas, pero con xente. Non quero aburrilos.
Se non foses actor, serías…
Abelleiro ou calquera cousa que me permita estar na aldea. Actor, por exemplo.