Imaxina: Vigo, 1 de decembro de 2024. Xa hai 15 días que o falso Nadal da cidade está en apoxeo e esta é a primeira fin de semana na que o caos se apodera da cidade. Chove, xente zombificada ateigando as beirarrúas, atasco por todo do centro, folga de autobuses urbanos… Como sexa, es capaz de chegar á Sala Ártika, onde xa te acolle a calor do teatro. Apáganse as luces e dúas mulleres comezan a bailar.
Como sexa, a maxia do teatro e da danza fai que vivas un instante de paz, de tranquilidade fóra de todo o ruído da cidade sumida no seu vórtice autodestrutivo.
Un instante de intimidade grazas ao traballo e aos corpos de Carmen Werner e Acerina H. Toledo, que poñen en escena Seguimos enteras como un agasallo para nós.
Unha peza de danza que poderiamos definir como diferentes maneiras de experimentar o encontro entre dúas persoas. Encontro e desencontro, procura e necesidade da outra, formas de verse e non verse, de atoparse e de perderse…
Porque a proposta xira ao redor dos dous corpos en escena e como estes se relacionan. Dous corpos que non son alleos entre si, senón todo o contrario: o que aparece é que a relación entre as dúas bailarinas é centro e acaso orixe da mesma creación artística, como unha forma de amosar a súa propia intimidade, a súa forma de atoparse en escena.
Así, podemos ver unha Acerina tocada pola vulnerabilidade da soidade ou da ferida do abandono, mais tamén empeñada na autoesixencia, no non parar, no sempre se pode máis…
Pola súa banda, Carmen aparece como unha muller que está xa de volta, que sabe por coñecemento e por experiencia, e que ten un especial sentido para decatarse do que xa sobra, do que xa non ten sentido, amosando así o camiño ao esencial.
As dúas, cando se xuntan, cando se buscan, xeran un espazo de especial delicadeza pola atención ao detalle no movemento: as pausas, os pesos, as collidas, as miradas.
A intimidade, ese espazo de tranquilidade e calma que elas axudaron a crear e que nos agasallan de xeito tan xeneroso, non é outra cousa que pararse e respirar, ofrecendo a humanidade que hai no contacto e na necesidade humana de relacionarnos.
Un agasallo que agradecemos, especialmente cando o que nos rodea nos convida todo o tempo a esquecernos de nós mesmes e de que ese seres que temos ao noso lado non son máquinas ou obxectos, senón persoas.