Directora de escena. María Peinado vén de estrear con Teatro da Ramboia o espectáculo O meu mundo non é deste reino, peza baseada na Farsa de Bululú, de Manuel María coa que acadaron o I Certame de Proxectos Teatrais do autor lucense, e pola que Peinado está dobremente nomeada nos Premios María Casares de Teatro 2020 á mellor dirección e á mellor adaptación.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Sobre a mesa e tamén debaixo agardando para subir: Periferias de Ricardo Cavolo, O Corpo en extinción de Xosé María Vila Ribadomar e ando relendo Animal Farm de George Orwell. Este último para min é casa, transpórtame á infancia.
A túa banda sonora destes días.
Vinilos e listas de reprodución que bailan entre os anos 60 e 70. O soul estame a acompañar moito. Ten esa mestura perfecta entre melancolía e ritmos que che levantan o ánimo. Under the boardwalk de The Drifters ou o Just one look de Doris Troy, por exemplo. Logo mestúranse os Rolling Stones ou Blondie cos paxaros. Escoitamos infinidade de paxaros aquí na casa.
O último filme que te impresionou.
Les Démons de Philippe Lesage quedóuseme moi dentro dando voltas durante días. Hai moito que un filme non me removía tanto. Tamén The Favourite de Yorgos Lanthimos. Apaixóname o seu mundo sempre, e máis cun elenco de mulleres coma o deste filme.
A obra de arte na que te perderías agora.
Algún dos cadros de Paula Rego. O desasosego feminino levado ao límite. Agora mesmo escollería o seu Sen título de 1964. Iso ou irme totalmente á contra e perderme por calquera das paisaxes de Monet.
A peza que che gustaría dar forma.
Encantaríame dar forma en escena ao mundo de Diane Arbus. Mesturalo con algo completamente oposto. Que houbese rosas e verdes. E que sonase Schubert. Non sei, estes días a cabeza anda a bandazos dun lado a outro.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
David Bowie. Esta téñoo moi clara. É máis, sentaríame un por un cos seus álter egos: con Ziggy, co Duque Branco, Major Tom… E, se fose posible, co que quedase de David Jones. Non teño nin idea de por onde empezaría, pero encantaríame. Ah! E tamén con Francisco de Goya. Sen dúbida.
Se non foses directora de escena, serías…
Chef. Ou cociñeira, que a palabra chef non me gusta nada. E senón ladroa de guante branco, coma nas películas.