in

Os premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde amplían prazo ata o 6 de xullo

Premios |
Retómanse tras a suspensión decretada por mor do estado de alarma baséase na consideración destes galardóns como fundamentais para o ámbito da escrita dramática en galego, segundo se recolle no Plan de Reactivación do Sector Cultural da Xunta

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a continuación do procedemento de concesión dos tres premios de literatura dramática da Xunta (XXV Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, XI Manuel María de literatura dramática infantil e XIV Barriga Verde de textos para monicreques), así como a ampliación do seu período de presentación de orixinais ata o 6 de xullo.

Retómase así a tramitación desta convocatoria, segundo o acordo do Consello da Xunta do pasado 24 de abril para reactivar unha serie de procedementos de fomento considerados esenciais nos seus respectivos sectores e afectados pola suspensión de termos e prazos administrativos por mor do estado de alarma. Esta mesma semana o DOG anunciou, así mesmo, o proseguimento e ampliación dos prazos noutras dúas liñas de apoio xestionadas pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic): as subvencións a creación escénica ata o 4 de xuño e as dirixidas a producións e coproducións audiovisuais ata o 18 de xuño.

No caso concreto dos premios, a súa inclusión no devandito acordo de continuación responde á súa consideración de actividade de interese xeral e fundamental para o ámbito da literatura dramática contemporánea e para a lingua galega, tal e como se recolle no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19.

 

Vixésimo quinto aniversario


Publicidade

Coa súa convocatoria de 2020, o Álvaro Cunqueiro conmemora ademais a súa vixésimo quinta edición aumentando a dotación económica ata 8000 euros. Canda el convocáronse tamén o XI Manuel María de literatura dramática infantil e as dúas modalidades do XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (infantil e adulto), con 6000 euros en cada caso, de xeito que os tres certames suman unha achega económica de 26.000 euros.

Estes galardóns –que naceron como anuais pero que a Xunta converteu en bienais en 2013–, comparten como obxectivo servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurar o seu maior recoñecemento e proxección social. Neste sentido, ademais das devanditas contías económicas, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Xunta mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

Poden optar a eles aquelas persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. No Álvaro Cunqueiro e no Manuel María, quedarán excluídos os textos para teatro de monicreques.

Para a avaliación de todos os textos recibidos ata o 6 de xullo, preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.gal, constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico. Para emitir o seu ditame, valorarán aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada premio e o coidado da lingua.

Na anterior edición, os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María recaeron en Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, e Somos os monstros, de Paula Carballeira, respectivamente, mentres que o Barriga Verde foi declarado deserto nas súas dúas modalidades. Ambos os textos foron publicados na colección Biblioteca Dramática Galega, que manteñen a Xunta de Galicia e Edicións Xerais, e poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia como en establecementos físicos.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Marta Pazos

Marta Pazos e Carlus Padrissa analizan os retos das artes escénicas ante a Covid-19

Patricia de Lorenzo

No confín de… Patricia de Lorenzo