in

No confín de… Patricia de Lorenzo

Patricia de Lorenzo
Patricia de Lorenzo é integrante de Chévere. A ampla traxectoria da actriz coruñesa xustifícaa como nunha das grandes intérpretes da escena galega. As Fillas Bravas, Citizen, Eurozone, Río Bravo, Eroski Paraíso (Premio María Casares de Teatro e Premio Mestre Mateo á mellor actriz) ou Curva España son os seus traballos máis destacados. Na actualidade traballa na nova produción de Chévere: As Fillas Bravas e o mito de Casandra. | Foto: José Vicente |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Sapiens de Yuval Noah Harari, libro que vou lendo aos poucos. Importante para facer un repaso evolutivo da humanidade e que axuda a cuestionarse ou ser consciente de certas “realidades inventadas” que marcan a nosa existencia neste planeta. Tamén estou con Rewind de Juan Tallón. Coñecín persoalmente a Juan recentemente porque colaborou con Chévere en Curva España. Nunca lera nada del. A súa última novela, Rewind, encantoume.

A túa banda sonora destes días.

As bandas sonoras de West Side Story de Leonard Bernstein e The Great Escape (A gran evasión) de Elmer Bernstein. Estamos vendo clásicos en familia.

O último filme que te impresionou.

Elena do director ruso Andréi Zvyaginstsev. Pouco cine ruso teño visto, pero estame encantando. Gústame escoitar linguas tan diferentes ás nosas e ver eses xeitos de interpretar os personaxes, especialmente na actriz protagonista, Elena Lyadova.

Tamén vin recentemente A arca rusa de Aleksandr Sokúrov, un filme de 95 minutos feito nun único plano secuencia no Museo do Hermitage de San Petersburgo. Posteriormente vin o documental de como se fixo e resultou ben interesante. Gustaríame participar nunha experiencia así.

La Plaga de Neus Ballús encantoume porque mestura a ficción co documental, algo que nos gusta moito en Chévere. A mirada da directora na historia e onde a coloca, conmoveume. Tampouco a coñecía.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Nun mural, baixo ás ordes de alguén que teña un plan.

Tamén estou dedicando tempo á costura e ao gancho, moi interesada no patchwork. En fin, algo manual.

A peza que che gustaría facer.

A peza que me gustaría dar forma e interpretar é o seguinte proxecto de Chévere: As Fillas Bravas e o mito de Casandra. A parte do traballo actoral, hai espectáculos que serven para sensibilizar e axitar conciencias. En primeiro lugar, as nosas. O tema do cambio climático e, en xeral, cuestionar o estilo de vida que levamos no noso primeiro mundo precisan dunha revisión urxente. Este espectáculo aportará algo nese sentido.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Con María Victoria Fernández España, coñecida como Victoria Armesto. É un dos personaxes con presencia en Curva España. Foi toda unha descuberta. Interésanme as persoas difíciles de etiquetar ou aquelas que teñen un discurso alternativo ao que se supón que deben de ter por estar onde están.

Se non foses actriz, serías…

Se non me dedicase ao teatro sería educadora social.

Un día vin na televisión unha reportaxe sobre unha familia de Córsega que vive de facer artesanalmente pan de figo das súas figueiras. Soñei con que quería facer o mesmo. Nacín nun barrio da Coruña próximo á refinería. Agora vivo nunha aldea. O contacto coa terra é algo que non quero perder. Un veciño meu díxome hai anos algo así como que “o ser humano non está feito para vivir en pisos”. Concordo totalmente.

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premios |

Os premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde amplían prazo ata o 6 de xullo

César Goldi

No confín de… César Goldi