Actor, director e pedagogo. Alfredo Rodríguez dirixe, xunto a Olga Cameselle, o espazo de formación A Artística de Vigo para artes performativas e do movemento. A principios deste ano estreou o espectáculo Lixo xunto a compañía O Baúl da Tía Tola.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Non leo na cama. Pola casa estes días andan libros soltos. Na sala está Los mitos. Su impacto en el mundo actual de Joseph Campbell, vou a modo con el que é intenso; e tamén está Especies de espacios de Georges Perec. Axúdanme a argallar o meu próximo proxecto… Na terraza, El asesinato de Sócrates de Marcos Chicot, para viaxar a outra época. E, de cando en vez, pílulas de poesía: O útero dos cabalos de Lupe Gómez (Espiral Maior Edicións) e Ultramarino de Xesús Castro (Chan da Pólvora Editora).
A túa banda sonora destes días.
O álbum My Love de Sharon Kovacs. E descubrín a Jhana Beat, que me ten enganchado…
O último filme que te impresionou.
La noche de 12 años de Álvaro Brechner, con Antonio de la Torre como Pepe Mujica durante os anos de cativerio en prisión. Tamén Vitalina Varela de Pedro Costa, impresionante viaxe dunha muller caboverdiana na procura do seu home en Lisboa. Un traballo actoral sobresaínte.
A obra de arte na que te perderías agora.
Pois no medio do Xardín das Delicias de El Bosco. E poder buscar, atopar, descubrir, escapar, rir, desfrutar…
A peza que che gustaría facer.
Pois aí estamos dando forma, lendo, escribindo… Non sei, sempre me atrapo no que estou, no aquí e agora. E outra vez máis, o espazo e o tempo. A relatividade da vida vivida.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Pois de cañas con Leonardo da Vinci, o Che e Maruxa Mallo. Non sei se daría falado, e iso que non paro.
Se non foses actor e director, serías…
Cociñeiro. Adoro ver un sorriso na cara dos que sentan á miña mesa.