A 37ª edición do festival de teatro de Almada celebrarase entre os días 3 e 26 de xullo, cun programa maioritariamente portugués e cun maior número de funcións por espectáculo.
A Companhia de Teatro de Almada (CTA) decidiu ir adiante co Festival, malia a incerteza provocada pola pandemia de Covid-19. O director do festival, Rodrigo Francisco, e a equipa da Companhia de Teatro de Almada (CTA) contactaron telefonicamente os espectadores do que talvez é o máis importante festival da península e a conclusión foi que se o Festival se celebraba, a maioría do público asistiría.
Aínda que o festival se celebrará, a programación prevista sufriu cambios, debido ás limitacións e as restricións asociadas á circulación internacional. A pesar dos esforzos da organización do festival para manter algúns dos espectáculos internacionais inicialmente previstos, neste momento o Festival Almada conta apenas con dúas presenzas internacionais confirmadas, podendo incrementarse aínda unha terceira.
O encontro redúcese a seis espazos en Almada –salas principal e experimental do Teatro Municipal Joaquim Benite, Fórum Municipal Romeu Correia, Sociedade Incrível Almadense, Sociedade Academia Almadense, Teatro-Estúdio António Assunção– e, en Lisboa, o pequeno auditorio do Centro Cultural de Belém (CCB).
Rodrigo Francisco declarou á prensa que moitas compañías estaban a ensaiar espectáculos para estrear cando comezou a pandemia, polo que o programa incluirá moitas obras novas de compañías portuguesas. A presentación oficial do programa será o vindeiro 19 de xuño no Teatro Joaquim Benite de Almada.