in

A Rede Galega de Teatros e Auditorios recupera a actividade escénica

Carabela | Galeatro
Despois dos peches polo estado de alarma, o Centro Cultural muradán e o Teatro Rosalía Castro da cidade herculina son os primeiros espazos en reprogramar actuacións con Galeatro, Elefante Elegante, Ánxela Blanco, Funboa Escénica e Javier Martín.

 

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) recupera a actividade escénica. A representación ás 18:00 no Centro Cultural e Xuvenil de Muros de Carabela, a cargo de Galeatro Producións Escénicas, será a primeira en atoparse de novo co público, á que seguirán este mesmo mes outras cinco funcións reprogramadas no Teatro Rosalía Castro da Coruña a partir do día 19.

Estas cinco citas marcan a reapertura da programación escénica anual da RGTA, que retomará plenamente a súa actividade a partir de xullo, coa configuración dunha nova carteleira que se prolongará ata o mes de decembro. Neste vindeiro período, continuará a recuperación de funcións suspendidas polos peches dos escenarios durante o estado de alarma e ofreceranse novas propostas artísticas maioritariamente producidas en Galicia. De feito, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) mantén aberto ata o vindeiro 8 de xuño o prazo de inscrición de espectáculos e concertos que se ofrecerán aos responsables municipais cunha normativa flexible e consensuada cara a favorecer as contratacións.

Nesta volta aos escenarios, tanto público como persoal técnico e actores e actrices cumprirán os protocolos de seguridade e de ocupación máxima de butacas ditados polas autoridades sanitarias. Así será hoxe en Muros, onde Carabela, o espectáculo familiar para reflexionar sobre a protección do medio natural escrito por Paula Carballeira e interpretado por Tone Martínez, Alba Bermúdez e Davide González, poderá ser presenciado por un máximo de 50 persoas con reserva previa.

 


Publicidade

Primeira estrea galega

Despois desta función, o calendario da RGTA seguirá coas propostas de danza que acollerá na Coruña o Teatro Rosalía Castro, entre as que se inclúe a estrea de Dreaming Juliet os días 19 e 20 de xuño, produción da compañía Elefante Elegante.

Gonçalo Guerreiro, María Torres, Marta Alonso, Nacho Martín e Miguel Paz subirán ao escenario para presentar un espectáculo que parte do clásico shakesperiano Romeo e Xulieta para abordar o amor como tema humano esencial. Cunha linguaxe visual asentada no teatro de movemento, na música interpretada en directo e na danza, Dreaming Juliet crea unha poética universal da paixón, cunha proposta que parte da hipótese de que a parella protagonista non ten como obstáculo para a súa relación a oposición familiar, senón as adversidades das rutinas do mundo contemporáneo.

A carteleira da RGTA no Rosalía seguirá con tres pezas de danza: Thesaurus, a cargo de Ánxela Blanco o día 25, O que segue, de Funboa Escénica e Proxecto Pank en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG) o 26 de xuño, e Soma, de Javier Martín tamén en coprodución co CDG o 27 de xuño. Todas as funcións darán comezo ás 21:00 e as localidades poranse á venda proximamente.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Roi Fernández | SrPause

No confín de… Roi Fernández

Luma Gómez

No confín de… Luma Gómez