Director de escena, presidente da Asociación de Directores de Escena, vicepresidente e membro fundador da Academia Galega de Teatro; Eduardo Alonso é historia viva do teatro galego. A súa compañía, Teatro do Noroeste, con máis de trinta anos de traxectoria, ten levado á escena innumerábeis textos de Albert Camus, Roberto Vidal Bolaño, William Shakespeare, Bertolt Brecht, Álvaro Cunqueiro, Valle-Inclán ou Lola Correa, así como do propio Alonso. A súa última montaxe teatral é As virxes salvaxes, mentres que neste confinamento estrearon unha curtametraxe en colaboración coa produtora Chiripa: A enquisa, protagonizada por Luma Gómez, con guión de Eduardo Alonso e dirección de Eva Alonso.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Como obviamente estou confinado, xa non sei se de por vida, imaxineime a seguinte situación: chámame o director dun teatro importantísimo para dicirme que quere estrear nada menos que As comedias Bárbaras de Ramón María del Valle-Inclán. Todas, as tres, e unha tras outra para facer unha grande montaxe teatral de varias horas e recursos inmensos e que decidiu encargarme a min a dirección de tan monumental espectáculo. Entón eu, cheo de agradecemento e rubor, púxenme, non a ler, senón a traballar nelas ordenando elencos, clasificando escenas, agrupando personaxes… Un traballo inmenso. Como vedes, a imaxinación reborda inocencia.
A túa banda sonora destes días.
Para matar o tempo que me sobra do estudo das Comedias Bárbaras e para entreter a miña filla que se dedica ao audiovisual, estou facendo uns guións para curtametraxes que logo ela organiza e dirixe. Agora estou traballando nun que ten por titulo provisorio Home con can e que está baseado nunha composición musical do meu irmán, Fernando Alonso: Sinfonietta Pastorale. E, oes, non deixo de escoitala, case é unha obsesión. Ademais, están os paxaros e os ladridos dos cans. Espectacular.
O último filme que te impresionou.
Acabo de revisar por Internet o Othello de Orson Welles e volveume a resultar impresionante e fascinante como fixo esa versión de Shakespeare. As sabas por veas de barcos, os baños de Marrocos… En fin, pódese facer todo con case nada se hai vontade de facelo. Pero vontade. Vontade!
A obra de arte na que te perderías agora.
Non é que me perdería, é que estou absolutamente perdido no Guernica de Picasso.
A peza que che gustaría dirixir.
Gustaríame agora mesmo dirixir Nai Coraxe de Bertolt Brecht. Pero contentábame con montar o meu próximo texto: Último verán en Santa Cristina.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Lenin ou, talvez, Albert Einstein.
Se non foses director, serías…
Profesor de matemáticas, con toda seguridade.