Co obxectivo de apoiar aos autores dramáticos e estimular a creación de novos textos dramáticos en lingua galega, para socios de Galicia, a Fundación SGAE da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) convoca a selección de textos teatrais en galego para lecturas dramatizadas do Consello Territorial da SGAE en Galicia 2020.
A Fundación SGAE, a través do Consello Territorial de Galicia, pon en marcha unha nova edición do ciclo de lecturas dramatizadas TEXTOS TEATRAIS EN GALEGO ao longo da Comunidade galega. Esta actividade ten como obxectivo impulsar e apoiar a creación de novos textos dramáticos de autores socios da SGAE.
Por este motivo, a Fundación SGAE abre unha convocatoria pública dirixida a todos os autores dramáticos socios da Sociedade Xeral de Autores e Editores que teñan o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia.
Entre outros obxectivos, este programa quere promocionar aos autores dramáticos para a difusión das súas obras, contribuíndo a posibles producións escénicas. Unha vez se realice o protocolo de selección, elixiranse textos dramáticos para levar a cabo a súa representación no ciclo de lecturas dramatizadas TEXTOS TEATRAIS EN GALEGO, impulsado pola Fundación SGAE ao longo do ano 2020 e nas datas que esta entidade determine.
O número de textos seleccionados virá determinado polo orzamento máximo asignado polo Consello Territorial de SGAE de Galicia.
BASES
1. Solicitantes e requisitos
A Fundación SGAE convoca a todos aqueles interesados que se correspondan co indicado no segundo parágrafo do presente documento.
A presentación deberá ser realizada directamente polo autor dramático socio da SGAE que teña o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia. Poderá achegar tantos textos teatrais orixinais como considere, a condición de que estean escritos en lingua galega. Devanditos textos teatrais recollerán como máximo SEIS personaxes a interpretar.
2. Solicitude e documentación
Os textos teatrais orixinais en lingua galega serán enviados ao correo electrónico [email protected], poñendo no asunto “Lecturas Dramatizadas TEXTOS TEATRAIS EN GALEGO Fundación SGAE Galicia” e deseguido o título do texto. O correo electrónico deberá incluír tres arquivos anexos:
A) Texto da obra.
B) PDF cos datos persoais e de contacto: nome e apelidos; enderezo actual (residencia habitual e residencia fiscal); correo electrónico e número de teléfono. Ademais, un breve curriculum, incluíndo lugar e data de nacemento e número de socio da SGAE.
C) Autorización asinada polo solicitante a favor da Fundación SGAE para que esta poida facer uso dosseus datos de carácter persoal no marco desta convocatoria.
O prazo de presentación iniciarase o 15 de XUÑO de 2020 e manterase aberto ata o día 15 de AGOSTO de 2020 ás 14:00 horas.
3. Procedemento de selección
O Consello Territorial da SGAE en Galicia realizará a selección dos textos teatrais a representar.
A decisión do Consello Territorial da SGAE de Galicia será inapelable.
O nome dos autores dos textos seleccionados farase público antes do 8 de SETEMBRO de 2020. O Consello Territorial da SGAE en Galicia poderá declarar deserta a convocatoria para o ciclo de Lecturas Dramatizadas no caso de que ningún dos textos presentados cumpra cos requisitos esixidos no punto 4, que deseguido se detallan.
4. Criterios de avaliación
O Consello Territorial da SGAE de Galicia establece os seguintes criterios para valorar e seleccionar os textos presentados:
- Ser socio/a da SGAE.
- Ter a duración axeitada para unha representación teatral.
- Estar escrito en lingua galega.
- Non ter sido representado anteriormente.
- A orixinalidade do texto dramático que se achega.
- A creatividade do texto dramático que se achega.
5. Normas xerais
- Os participantes eximen a Fundación SGAE de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera outra transgresión da lexislación vixente en materia de propiedade intelectual en España na que puidesen incorrer coas obras presentadas.
- Polo feito de concorrer a esta convocatoria, os autores participantes aceptan integramente estas Bases, así como as decisións do Consello Territorial de Galicia, e autorizan a Fundación SGAE a difundir información sobre a convocatoria que inclúa datos profesionais e/ou imaxes fotográficas dos autores dos textos seleccionados.
- A Fundación SGAE non adquire, en virtude desta convocatoria, ningunha responsabilidade directa nin subsidiaria, en relación coa realización e desenvolvemento deste proxecto, distinta da detallada neste documento.
- Para levar a cabo a representación dos textos teatrais seleccionados nas diferentes Lecturas Dramatizadas, o Consello Territorial de Galicia será quen elixa os directores participantes e cada un destes, á súa vez, será quen elixa os actores participantes na representación das mesmas.
- En caso de reclamación ou conflito, tanto os participantes coma os organizadores do proxecto deberán someterse á xurisdicción dos Tribunais de Madrid capital, España, e considerarase como oficial o texto en castelán.
6. Deber de confidencialidade e protección de datos persoais
Toda a información que as partes fornezan na xestión desta convocatoria ten carácter confidencial e non poderá ser revelada a terceiros nin utilizada para fins distintos aos establecidos, agás as excepcións determinadas pola lexislación vixente.
Os datos de carácter persoal que voluntariamente faciliten os solicitantes incorporaranse nun ficheiro cuxo responsable é Fundación SGAE e serán utilizados, única e exclusivamente, para a xestión da participación do solicitante nesta convocatoria. O titular do Dereito Fundamental á Protección de Datos Persoais conta cos dereitos de Acceso, Rectificación, Supresión, Limitación, Oposición, Portabilidade de Datos e o de Non ser obxecto de decisións individuais automatizadas. Para exercelos pódese dirixir por escrito a: Fundación SGAE, á atención de Servizos Xurídicos, rúa Bárbara de Braganza, 7, 28004 Madrid. O escrito deberá indicar nome e apelidos, o dereito exercitado e o motivo; e deberá vir acompañado de fotocopia do DNI/NIE ou pasaporte. Fundación SGAE presume que os datos facilitados polo afectado son veraces e responden á súa situación actual. O afectado obrígase a comunicar a súa modificación dende o momento en que se produza.