Director Artístico da MIT de Ribadavia, colaborador de escénicas na Radio Galega, profesor na ESAD de Galicia e doutras variadas iniciativas no ámbito escénico. Nos últimos anos ten colaborado en diversos ámbitos de xestión escénica, dende o Consello artístico do INAEM ata o Cabildo de Tenerife ou a dirección da colección de teatro Abrente da editorial Difusora, entre outras actividades. Algunha delas valéronlle recoñecementos coma o Premio Arenteira de Cultura.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Na cama non leo, pero estes días estiven ao sol co moi peculiar Seique de Susana Sánchez Arins (editado por Através Editora) ou co thriller (xénero que me gusta moito, xunto coa ficción documental de ambientación política ou social) Infamia de Ledicia Costas (editado por Xerais).
A túa banda sonora destes días
Ui, temazos variados segundo a montaña rusa de emocións que se viviron no confinamento. Dende as máis lentas Tú que vienes a rondarme de Maria Arnal e Marcel Bagés, Lost on You de LP (Laura Pergolizzi) ou Los días raros de Vetusta Morla, até as máis bailongas de María Peláe, Zapata se queda de Lila Downs, Bad Guy de Billie Eilish ou descubrimentos coma Frida de Budiño.
O último filme que te impresionou.
El Hoyo de Galder Gaztelu-Urrutia, pola angustia, polo desasosego, por ese misterioso final aberto, polo debate ideolóxico, pola reflexión sobre a comunidade e os valores do común nestes tempos. Tamén The young Pope de Paolo Sorrentino, unha miniserie que podería presentarse –de feito fíxose cos primeiros capítulos– coma un filme de 10 horas. Pola capacidade deste xenial director de crear beleza en calquera contexto. Ah! Esquecía Santoalla de Andrew Becker e Daniel Mehrer, un documental que me impactou pola sinxeleza e o poder dunha historia real da crónica negra no rural galego ou como os acontecementos poden curvar poderosamente os relatos.
A obra de arte na que te perderías agora.
Pois ao mellor na gran onda de Kanagawa do artista xaponés Katsushika Hokusai, para surfear as inclemencias e facer fronte ao risco ou simplemente para gozar das proporcións e a beleza da súa composición. Tamén me metería entre os macacos, con Frida Kahlo.
A peza que che gustaría dar forma…
A que xorde ao compartir, ao xuntarse, a creación que nos gustaría facer os amigos que compartimos conversas, viaxes e vivencias. Esa creación colectiva…
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Con Federico García Lorca.
Se non fose teatreiro e profesor, serías…
Gustaríame ter sido piloto de aviación para sentir a paisaxe calma enriba das nubes e a fermosura da natureza dende as alturas. Tamén sería biólogo nas Galápagos ou en calquera outro espazo natural protexido.