Actriz e narradora oral. Creadora da compañía Xarope Tulú xunto a Nicolás Zamorano. Formou parte do elenco de Neorretranca e Posmorriña, a última montaxe do Centro Dramático Galego con dirección de Gena Bahamonde, baseada nos textos de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte. Na actualidade traballa como actriz en Mai Mai, unha montaxe da compañía Baobab Teatro. | Foto: Paula Iglesias |
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Pois son a mítica persoa que comeza varios libros a un tempo. Agora mesmo na mesa de noite teño: Los cantos de cada cual de María Eloy; a carón do sofá, a Antología poética de Ángel González; enriba do escritorio, Antoloxía do conto popular galego (editado por Galaxia), Los Combatientes e Léctura Fácil, ambos de Cristina Morales. Lectura Fácil remateino hai unhas semanas, pero resístome a gardalo, goceino moito.
A túa banda sonora destes días.
Ando bastante fascinada con Jeleh, a ópera prima da arxentina Melanie Williams. Cada poucos días volvo a María Arnal e Marcel Bagés (unha constante desde que as coñecín), Aldous Harding (descubrimento recente), Tim Bernardes, Franco Battiato, e para bailar/suar Justice. Certo! En días alternos a banda sonora son eu mesma azoutando a pandeireta. Esta semana ando entre a muiñeira de Ons e a Jota de Rubiós. As miñas veciñas están encantadas…
O último filme que te impresionou.
Respira de Melánie Laurent. Deixoume un mal corpo … Nestes dous meses vin varias películas que gocei moito: Sierranevada de Cristi Puiu, 120 battements par minute de Robin Campillo e N-VI de Pela del Álamo. Esta última foi un oasis na metade do confinamento, unha viaxe pola paisaxe cando o único que vía eran paredes!
A obra de arte na que te perderías agora.
Perderíame en calquera espectáculo de danza no que unha chea de persoas estiveran en contacto físico, pel con pel. Venme á cabeza o Gran Bolero de Jesús Rubio Gamo. Creo que boto en falta un bo pogo, suar a cachón…. Aínda que tamén me gustaría moito perderme nas esculturas Kickass de Sally Hewett. E en calquera das pinturas de Paula Rego. Parece que son algo indecisa.
A peza que che gustaría interpretar.
Encantaríame formar parte do elenco de Com a pedres da compañía valenciana El pont Flotant. Vin a montaxe no desaparecido ALT de Vigo, aló polo 2009, e durante o confinamento veume á cabeza en varias ocasións. Recordo a sensación de volta á infancia que me quedara no corpo.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Violeta Parra, supoño. Aínda que son a típica persoa que se bloquea cando ten a alguén ao que admira diante. Diría parvadas constantemente e querería saír correndo.
Se non foses actriz e narradora, serías…
Imaxino que algo que tivese que ver coa educación social, non sei se educadora exactamente… Aínda que até os seis anos quixen ser pediatra. Estaba profundamente namorada da miña médica e quería seguir os seus pasos. Dá a vida que logo recuei.