in

O CDG retoma a actividade pública coa estrea de ‘Crónica dunha heterosexual insatisfeita’

CornicaVerdeveras |
O espectáculo de Verdeveras Expresións Artísticas, creado e interpretado por María Ángeles Iglesias, poderá verse en Santiago o sábado 4 de xullo, ás 20:30, e o domingo 5, ás 19:00.

 

O Centro Dramático Galego (CDG) reabrirá as portas da súa sede do Salón Teatro, en Santiago de Compostela, coa estrea o sábado 4 e o domingo 5 de xullo de Crónica dunha heterosexual insatisfeita, espectáculo de Verdeveras Expresións Artísticas inserido no programa de coproducións da compañía da Xunta de Galicia.

O Salón Teatro retoma así a súa actividade pública, que incorpora os protocolos hixiénico-sanitarios necesarios para garantir a seguridade dos espectadores e dos profesionais, seguindo tanto as medidas de prevención necesarias. Neste sentido, a ocupación máxima do espazo redúcese ao 75% da súa capacidade e será obrigatorio o uso de máscara hixiénica, así como dos medios habilitados para desinfección.

Creado e interpretado por María Ángeles Iglesias, o espectáculo de Verdeveras xira arredor da vida dunha muller absolutamente normal que, diante do peso da rutina, decide dar un paso adiante e concretar unha fantasía. Con tal fin, buscará a complicidade do público, que será testemuño do seu gran momento.

Xunto con Iglesias, contribúen á posta en escena desta coprodución Octavio Mas, na escenografía e iluminación; Tato López, música orixinal; Anabell Gago, asistencia de dirección; Lorena Conde, deseño gráfico; Inés Salvado Gontad, fotografía; e Rebe Cierto, Xoana Almar, Raquel Germade, Cristina G. Cao e Alejandra Lorenzo, ilustración.

 


Publicidade

Residencia artística

O Salón Teatro recibirá o equipo deste espectáculo a partir do luns 29 para unha residencia artística durante a que desenvolverán os últimos ensaios previos á súa estrea pública da fin de semana.

Verdeveras Expresións Artísticas nace en 2010 en Santiago de Compostela da man de Tato López (músico-cantautor) e María Ángeles Iglesias (actriz). Crónica dunha heterosexual insatisfeita é o seu cuarto espectáculo, tras o debut en 2011 con Tacóns na corda e os posteriores Desalmad@s (2014) e o infantil Un lugar chamado mundo (2016).

A sede da compañía pública acollerá a continuación a estadía artística do proxecto O raro é que bailar sexa raro, de Andrea Quintana con dirección de Gena Baamonde, dentro do programa Residencias Paraíso, desenvolvido polo Colectivo RPM co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Autocontos |

Cándido Pazó e Quico Cadaval estrean o formato dos Autocontos en Ribeira

TeatroPrincipalTui |

Presentación do anteproxecto de rehabilitación do Teatro Principal de Tui