in

A AAAG alerta de que o regreso á actividade escénica lévase a cabo sen garantías sanitarias

Empty Theatre |
Segundo a AAAG, a Xunta de Galicia, que recobrou as competencias en materia sanitaria, está a fomentar a recuperación da actividade escénica sen desenvolver previamente os protocolos hixiénico-sanitarios que se anunciaban no seu cuestionado ‘Plan de Reactivación dos sectores turístico e cultural’.

 

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que aglutina a gran parte da interpretación e da dirección de escena, vén de facer público un comunicado no que alerta sobre as condicións nas que se está a dar o regreso á actividade laboral dos actores e actrices no ámbito das artes escénicas. Segundo a AAAG, o sector carece a día de hoxe dun protocolo formal para reducir os riscos de contaxio cunhas medidas hixiénico-sanitarias suficientes para un oficio no que, en moitas ocasións, as medidas xerais de protección -nomeadamente a chamada distancia social ou o uso de máscaras- non son asumibles, xa que o contacto físico entre integrantes dun elenco artístico resulta inherente á actividade. Neste sentido, a AAAG quere amosar a súa fonda preocupación ante a situación de indefensión na que os/as intérpretes poden estar a retomar ensaios e funcións en Galicia.

Dende que comezou o proceso de desescalada, os diferentes decretos estatais que regularon os avances de cara á denominada nova normalidade centráronse, no tocante ao sector cultural, nas porcentaxes de aforo, nas distancias entre espectadores ou na seguridade nos accesos dos recintos. Non obstante, denuncia a AAAG, as medidas específicas para garantir a seguridade dos equipos artísticos sobre os escenarios ficaron sen desenvolver. Só o pasado 14 xuño, o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (Inaem) deu en publicar tras ter en conta as indicacións do Ministerio de Sanidade e mais o de Traballo a súa Guía de buenas prácticas para el reinicio de la actividad escénica y musical en España. Esta guía antóllase insuficiente en canto resulta ser tan só unha folla de ruta orientativa elaborada por unha institución cultural estatal sen competencia ningunha en materia sanitaria.

Neste sentido, a asociación considera imprescindible un protocolo oficial e rigoroso de ámbito autonómico que vele pola seguridade dos elencos artísticos, conformados por traballadores e traballadoras aos que se lles podería chegar a esixir por motivos profesionais e/ou artísticos exercer o seu traballo sen máscara nin distancia de seguridade ou mesmo manter un contacto físico íntimo, co risco que isto suporía non só para a saúde destes/as traballadores/as, senón para o conxunto da sociedade no contexto actual de pandemia. A carencia dun protocolo homoxéneo supón, dende o punto de vista desta asociación sindical, abandonar á indefensión laboral os profesionais da escena, situación que cómpre atallar axiña para garantir un regreso seguro e en igualdade de condicións para todos os actores e as actrices.

A AAAG considera que ese protocolo oficial deberá especificar que os servizos de prevención de riscos laborais deben decidir en que espectáculos podería resultar imprescindible a realización de tests (así como que tipo de test e con que periodicidade), avaliando as particularidades de cada montaxe e os riscos de contaxio derivados das accións que se desenvolvan sobre o escenario que contraveñan as medidas esenciais de protección: distanciamento e máscaras. Ademais, a AAAG considera que a Xunta de Galicia, que asumiu as competencias en materia sanitaria dende que decaeu o estado de alarma, debe preocuparse non só pola seguridade sanitaria de espectadores -asegurada xa polas medidas de distanciamento físico e o uso de máscaras-, senón tamén dos traballadores e das traballadoras da escena que na actualidade están a volver ao seu traballo sen garantías suficientes, así como de apoiar o sector na adaptación á nova normalidade.


Publicidade

 

Plan de reactivación

Neste punto, a AAAG lembra que a Consellería de Cultura e Turismo presentou a comezos do mes de maio un Plan de Reactivación dos sectores turístico e cultural -cuestionado por multitude de asociacións profesionais do ámbito cultural- no que se especificaba a importancia de contar con plans hixiénico-sanitarios e anunciaba “a elaboración de manuais coas recomendacións e instrucións necesarias”. Porén, a Xunta de Galicia non ofreceu avance ningún para achegar un protocolo destas características que salvagarde a saúde da profesión artística mentres que si impulsa con insistencia a programación de funcións e retoma os seus circuítos de distribución.

A AAAG subliñan que como entidade sindical apoia sen ningún xénero de dúbidas o regreso á actividade escénica para garantirlle ao publico o acceso á cultura e aos/as nosos/as asociados/as, o regreso ao seu traballo. A reactivación no sector resulta imprescindible e así o defendeu esta entidade ao longo do estado de alarma, tanto de forma pública coma en diferentes reunións coa administración. Non obstante, o retorno en ningún caso pode supoñer un risco para a saúde nin dos profesionais nin da sociedade, algo que xulgamos podería estar a acontecer pola precipitación e a escasa conciencia que se pode detectar e que contrasta coa situación que se está a dar no audiovisual, onde consta que os equipos artísticos de diferentes producións volveron ao seu oficio con test recorrentes, ou noutros ámbitos profesionais no que as medidas xerais de protección non se poden aplicar. Por último, a AAAG advirte do impacto irreparable que suporía que, por mor do inadmisible descoido da saúde nos escenarios, se puidese producir un rebrote e unha nova parálise no sector.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Teatro Colon |

Deputación e Concello da Coruña acordan a continuidade na xestión do Teatro Colón

MarleneMonteiroFreitasBacantes |

O Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa presentou a súa temporada 2020-2021