in

O Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa presentou a súa temporada 2020-2021

MarleneMonteiroFreitasBacantes |
O Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa vén de presantar os espectáculos e iniciativas da próxima temporada que se desenvolverá de setembro de 2020 a xullo de 2021. Ademais de novos espectáculos e festivais que acolle, o programa inclúe os espectáculos cancelados a causa da pandemia da covid-19. Máis de trinta propostas de creación portuguesa e internacional entre os que se atopan nomes como Tiago Rodrigues, Frank Castorf, Marlene Monteiro ou La Ribot reúnense no programa que se desenvolverá baixo as medidas de seguridade que requira este período pos-pandémico. O Dona Maria acollerá, ademais, o proxecto Nós/Nous, no que participan a ESAD de Galicia e o Centro Dramático Galego.

 

Tonán Quito asina A vida vai engolir-vos unha adaptación de catro pezas de Chejov –A Gaivota, Tio Vania, As tres irmás e A horta das cerdeiras– que se presentará do 1 ao 12 de setembro no Teatro São Luis Teatro Municipal e a Sala Garret do TNDMII. Paralelamente, do 3 ao 13 de setembro, a Sala Estúdio do TNDMII acollerá Aurora Negra, unha creación de Cleo Tavares, Isabél Zuaa e Nádia Yracema que nace da constatación da invisibilidade a que os corpos negros están suxeitos nas artes performativas.

De igual modo, do 17 ao 27 de setembro, o programa inclúe a presentación de Damas da noite, uma farsa de Elmano Sancho mentres que, do 18 ao 20 de setembro, Seis meses depois é o traballo co que a coreógrafa Olga Roriz reflexione sobre a fin da humanidade. Finalmente, Eurovisão da canção filosófica, é a proposta de Massimo Furlan e Claire de Ribaupierre que pecha o mes de setembro.

O mes de outubro comezará coa exhibición de Pin My Places, un texto de Mariana Ferreira con dirección de Rui Horta do 1 ao 16 de outubro. De igual modo, do 1 ao 11 de outubro Paula Diogo ofrecerá o seu Terra Nullius en diversos espazos do interior e do exterior do TNDMII. Por outra parte, do 8 de outubro ao 15 de novembro, será o tempo no que poderá verse Ultima hora, a comedia de Rui Cardoso Martins con dirección de Gonçalo Amorim, unha obra que aborda a cuestión da información e a crise do xornalismo. Xa no final do mes, do 28 de outubro ao 8 de novembro, Auéééu-Teatro trae F, unha creación que se presenta como un test aos límites de conceptos como fraude, verdade e identidade.

Novembro será tamén tempo para compartir cos máis novos a través do proxecto Boca Aberta: unha serie de espectáculos destinados a percorrer diferentes salas e xardíns de infancia. Nesta ocasión, a vez será para Onde é a guerra?, baixo a dirección de Catarina Requeijo que se desenvolverá do 7 de novembro ao 19 de decembro.

Pola súa parte, o mes de decembro comezará no TNDMII con Fake, de Inês Barahona e Miguel Fragata para continuar con Atlântico, de Tiago Cadete do 3 ao 13 de decembro e All together, a proposta austríaco-xaponesa Michikazu Matsune para conectar o que está presente co que está ausente.

Madalena, de Sara Castro é o traballo que estrea o 2021 na programación do TNDMII, seguida de Carta, de Mónica Calle do 14 ao 24 de xaneiro. En paralelo, do 14 ao 31 de xaneiro, Mala Voadora presentará Off, un texto sobre o fin de todo, de Chris Thorpe con dirección de Jorge Andrade.


Publicidade

Artistas Unidos serán os encargados de encetar o mes de febreiro con Morte de um caixeiro viajante, de Arthur Miller e baixo a dirección de Jorge Silva Melo do 4 ao 28 de febreiro. De igual modo, do 5 ao 7 de febreiro, Elizabete Francisca presenta o seu Dias contados na Sala Estúdio mentres que do 12 ao 14 de febreiro será tempo para O que vamos fazer com a revolta, de Sandro William Junqueira. Por último, o 25 de febreiro o texto de Thomas Bernhardt Praça dos Heróis subirá a escena da man de David Pereira Bastos.

A creación portuguesa combínase con grandes nomes da escena internacional durante o mes de marzo. Así, do 4 ao 6 de marzo, David Geselson visita o TNDMII con Do Silêncio e o medo, unha proposta que percorre as cicatrices da Historia na vida de Nina Simone. Do 12 ao 13 de marzo, Frank Castorf leva ás táboas do TNDMII Bajazet, considerando o Teatro e a Peste no que se combinan os textos Racine e Artaud. Do mesmo xeito, os días 19 e 20 de marzo, o TNDMII acolle Bacantes – Prelúdio para uma Purga, a delirante danza-concerto coa que Marlene Monteiro Freitas revista a Eurípides. Por último, do 26 ao 28, O Dicionario da Fé, de Gonçalo M. Tavares con dirección de Jean Paul Bucchieri completa o programa de marzo.

Do 7 ao 25 de abril chega Catarina e a beleza de matar fascistas, unha proposta de Tiago Rodrigues atravesada por unha pregunta: hai lugar para a violencia na loita por un mundo mellor? En paralelo, do 8 ao 25 de abril, Ana Borralho e João Galante presentan Tempo para refletir, mentres que os días 28 e 29 será a vez de Please please please, unha creación de La Ribot, Mathilde Monnier e Tiago Rodrigues que aborda a relación entre a norma social e as personalidades que escapan a esa norma. De igual modo, eses mesmos días, Edna Jaime conclúe o programa de abril con O bom combate na sala estúdio: un eco das loitas diarias chegado desde Mozambique.

Maio é tempo para descubrir un pouco mellor a dramaturxia da británica Caryl Churchill cunha dobre entrega: Top girls, baixo a dirección de Cristina Carvalhal e Distante, con dirección de Teresa Coutinho, as dúas do 20 de maio ao 6 de xuño.

Xa no mes de xuño, os días 18 e 19 será tempo para o francés Antoine Defoort e o seu Achas para uma fogueira. De igual modo, do 18 ao 20 de xuño, o TNDMII acollerá o proxecto Nós/Nous baixo a dirección de Thierry Jolivet. Concibido como un proxecto internacional que permita afondar no intercambio da cultura teatral entre Francia, Galicia e Portugal, catro teatros – Célestins-Theatre de Lyon, Centro Dramático Galego, TDMII e TNSJ- e catro escolas superiores de arte dramática -ENSATT de Lyon, ESAD de Galicia, ESTC de Lisboa e a ESMAE do Porto- integran este espazo que pretende crear un territorio escénico común.

Por último, do 24 de xuño ao 4 de xullo de 2021, desembarcará en Lisboa a co-produción do TNDMII co Centro Dramático Nacional coa montaxe Calígula morreu, eu não, baixo a dirección de Marco Paiva e cun elenco mixto –portugués e español- de intérpretes con e sen necesidades especiais que reflexiona sobre o despotismo e a necesidade de revisar a historia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Empty Theatre |

A AAAG alerta de que o regreso á actividade escénica lévase a cabo sen garantías sanitarias

Paula Carballeira

Paula Carballeira participa no Torneo de Dramaturxia do Teatro Español de Madrid