in

Paula Carballeira participa no Torneo de Dramaturxia do Teatro Español de Madrid

Paula Carballeira
Paula Carballeira
O torneo desenvolverase a partir de hoxe e ata o 15 de xullo en roldas eliminatorias de combates entre cada dous textos do total de oito seleccionados. O Centro Dramático Galego colabora con esta iniciativa do espazo escénico madrileño e a produtora LaZona, no marco do seu impulso á autoría teatral contemporánea.

 

Paula Carballeira participará no IV Torneo de Dramaturxia do Teatro Español de Madrid como unha das oito dramaturgas e dramaturgos procedentes de todo o Estado que difundirán os seus textos mediante esta fórmula, ideada para darlle visibilidade á autoría teatral contemporánea.

A iniciativa, realizada pola produtora LaZona, desenvolverase no Teatro Español por cuarto ano consecutivo. Dada a situación sanitaria actual, será por vez primeira unha edición en streaming, que terá lugar nun dos escenarios das Naves del Español e na que o público poderá votar en liña nos tres minutos inmediatamente posteriores á súa transmisión a través da canle de Youtube do teatro. Mantense a fórmula de non coñecer con antelación a autoría de cada unha das oito pezas, escritas especialmente para este torneo.

Publicidade

Xunto coa dramaturga, directora de escena, actriz e narradora oral Paula Carballeira, foron seleccionados para esta ocasión Marga Llano, Jordi Galcerán, Jose Padilla, Maxi Rodríguez, Jordi Casanovas, Denise Despeyroux e Celia Morán. Os combates de dramaturxia levaranse a cabo dous a dous e en tres roldas: cuartos de final, semifinais e final. Así, en cada eliminatoria leranse dous textos e, unha vez terminado o combate, o público dixital poderá emitir o seu voto a través de Internet e decidir cal deles pasa á seguinte fase.

O torneo dará comezo hoxe 1 de xullo e continuará ata o día 15, cando se decidirá a peza gañadora. O texto de Paula Carballeira medirase o 2 de xullo, ás 17:00, co de Jose Padilla.

O Centro Dramático Galego colabora con esta iniciativa do espazo escénico madrileño e a produtora LaZona, no marco do seu impulso á autoría teatral contemporánea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MarleneMonteiroFreitasBacantes |

O Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa presentou a súa temporada 2020-2021

Daimon |

O Auditorio de Galicia e o Teatro Principal levantan o pano con Matarile