in

Deputación e Concello da Coruña acordan a continuidade na xestión do Teatro Colón

Teatro Colon |
A Deputación e o Concello da Coruña continuarán compartindo a xestión do Teatro Colón a través dun convenio de cooperación. Segundo os termos do convenio, o IMCE ocuparase da programación do espazo e a Deputación asumirá de maneira directa o mantemento das instalacións.

 

O Teatro Colón continuará co mesmo modelo de xestión inaugurado hai dous anos cando as dúas institucións asinaron os termos do acordo que deixaba en mans do IMCE a programación de espectáculos cunha reserva de días para a Deputación da Coruña, propietaria do inmóbel. O obxectivo do convenio era conseguir a incardinación do Teatro Colón na programación cultural do Concello da Coruña.

“O acordo entre a Deputación e o Concello para darlle continuidade á xestión do Teatro Colón é unha boa noticia porque demostra que esta opción era a máis interesante para ofrecer unha programación cultural coordinada con outros centros culturais municipais”, explicou o deputado de Cultura, Xurxo Couto que avanza os termos dun acordo que ten en conta a experiencia do período anterior cos axustes necesarios para unha maior eficacia.

Publicidade

“O convenio actual responde ás necesidades do propio modelo de xestión e, desta maneira, a Deputación asume de maneira directa, por exemplo, o mantemento de instalacións e outros servizos para así facilitar a súa xestión”, apunta Couto das novidades do novo acordo.

O texto do acordo que agora dá continuidade ao modelo destaca, desta maneira, que “a experiencia ao longo destes dous anos de xestión compartida resultou moi positiva pola calidade da programación, cunha alta asistencia de público aos espectáculos programados, e unha valoración moi favorable” e fai fincapé tamén en que a colaboración entre as dúas institucións se desenvolveu “nun clima de total colaboración axuda mutua”.

Segundo o convenio, a Deputación e o IMCE comparten a xestión e utilización do Teatro Colón co fin de que quede plenamente integrado na rede pública de espazos culturais municipais. Ao IMCE correspóndelle a programación de actividades coordinadas con outros espazos municipais co obxectivo de “promover especialmente a cultura galega e potenciando o galego como lingua propia de Galiza”. A Deputación da Coruña resérvase un máximo de dezaoito días de uso do teatro durante o tempo que dure o convenio para desenvolver actividades de programación propia.

Para a coordinación de ambas institucións continuará funcionando a comisión de seguimento, presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e integrada por membros da Deputación e o Concello.

O IMCE comprométese a contratar e aboar o persoal de xerencia, os espectáculos e actividades, o persoal de asistencia técnica de equipamento escénico, a difusión e publicidade, a venda de entradas e persoal de sala, a limpeza e os seguros dos espectáculos.

A Deputación ocuparase, pola súa parte, dos espectáculos e os gastos da programación propia e responsabilizarase tamén de labores de mantemento de ascensores, instalacións técnicas, eléctricas, de protección contra incendios, equipamento escénico e outros ademais de subministración de auga e enerxía eléctrica. Ademais, contratará investimentos como mesa de luces e monitores, reparación do aire acondicionado, caixa negra, cambios na iluminación xunto co pago de impostos e seguros do inmoble.

Os termos económicos do convenio contemplan que a Deputación aboará ao IMCE os custos derivados da programación e do mantemento do inmoble e das instalacións ata o importe máximo de 250.000,00 € por seis meses que van de xullo a fin de ano. Por acordo das partes, o convenio poderá ser prorrogado por períodos anuais, até un máximo de tres anos, debendo aprobarse a prórroga antes do 1 de decembro de cada ano.

 

Propiedade da Deputación desde 1997 e aberto en 2006

Publicidade

O Teatro Colón é propiedade da Deputación da Coruña que o adquiriu en 1997 como espazo cultural integrado no propio edificio da sede central da institución. O 5 de decembro de 2006 abriuse ao público despois da súa rehabilitación integral, cunha xestión indirecta mediante diversos contratos de concesión administrativa até maio de 2017.

Co obxecto de integrar o teatro na rede de espazos culturais do concello, o 13 de xuño de 2018 asinan o convenio de cooperación entre a Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos, organismo que ten atribuída a xestión cultural municipal, para a xestión compartida do Teatro Colón que estivo vixente até o 1 de xullo deste mesmo ano.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EmpapeladoAmarelo02 |

Compostela acolle o festival USCénica 2020

Empty Theatre |

A AAAG alerta de que o regreso á actividade escénica lévase a cabo sen garantías sanitarias