in

Compostela acolle o festival USCénica 2020

EmpapeladoAmarelo02 |
Do 1 ao 18 de xullo Compostela acolle o festival USCénica 2020. Máis dunha ducia de espectáculos galegos danse cita nesta cita organizada pola Universidade de Santiago de Compostela e que se desenvolverá na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, a terraza do Auditorio da Universidade e o Salón Teatro. | Foto: Manuel G. Vicente |

 

“En tempos complexos coma os que vivimos, poucos elementos teñen tanta capacidade de contribuír á dinamización e reforzo das relacións sociais e persoais como a cultura. Por iso a USC, nesta chamada nova normalidade, reforza a súa aposta por aquilo que nos une e nos inspira, por todas e cada unha das súas formas. É a cultura USC”, sinala na presentación do programa o reitor da USC, Antonio López.

AveLina Pérez será a encargada de abrir o festival o mércores 1 de xullo con Os cans non comprenden a Kandinsky, seguida polo concerto de jazz de Pablo Sanmamed Trío na terraza do Auditorio da Universidade ás 21:45. No día seguinte, a programación continuará no mesmo espazo co poema performático ferro, federici de Helena Salgueiro. De igual modo, a terraza do Auditorio da Universidade acollerá o venres 3 de xullo Replay, de Pisando ovos con Alba Fernández Cotelo e Jas Processor. Finalmente, Cintaadhesiva achegará a súa Fronteira Paraíso o sábado 4 de xullo na Sala Roberto Vidal Bolaño nunha fusión de poesía e música electrónica.

Publicidade

Borja Fernández abrirá a segunda semana de programación coa representación de Salvador o mércores 8 de xullo ás 20:30 horas na Sala Roberto Vidal Bolaño para continuar cun novo concerto de Pablo Sanmamed Trío ese mesmo día na Terraza do Auditorio. O xoves 9 de xullo será tempo para a performance Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov, con María Roja e María Chiginskaya na Sala Roberto Vidal Bolaño. O día 10 de xullo a actividade trasladarase ao Salón Teatro con Microspectivas dun marica millennial, de Incendiaria ás 20:30. De igual forma, o sábado 11 de xullo Butaca Zero desembarcará no Salón Teatro con Despois das ondas,de Ernesto Is, gañadora do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña e na que se percorre a biografía de María Casares.

O empapelado amarelo, de A quinta do cuadrante é o título que acollerá a Sala Roberto Vidal Bolaño o mércores 15 de xullo a partir das 20:30 e ao que seguirá un novo concerto na terraza do Auditorio da Universidade. Este mesmo espazo recibirá ao día seguinte, o xoves 16 de xullo, Emigrantas de Kirenia Danza, unha peza sobre a última diáspora galega con perspectiva de xénero. Pola súa parte, o venres 17 de xullo o Salón Teatro será o espazo no que a compañía Io presente Espida, unha proposta na que se cruza o novo circo, o teatro e a danza. Por último, Iria Sobrado será a encargada de clausurar o festival o sábado 18 de xullo coa peza O estado cru na Sala Roberto Vidal Bolaño á partir das 20:30, seguida dun concerto de peche na terraza do Auditorio da Universidade.

 

Entradas

Todas as funcións comezan ás 20:30 agás os concertos programados que terán lugar a partir das 21:45. As entradas poderán retirarse nos espazos de exhibición a partir das 19:00 unicamente o día da función. O acceso ás funcións programadas na terraza do Auditorio da Universidade é gratuíto ata completar aforo (previo paso polo despacho de entradas –máximo 2 por persoa). O acceso ás funcións programadas na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño e no Salón Teatro teñen un prezo de 3 euros (máximo 2 entradas por persoa). Non existe a posibilidade de mercar un abono para todo o programa dado o aforo reducido.

A totalidade da recadación irá destinada á asociación Banco de Alimentos de Santiago de Compostela e existe a posibilidade de adquirir unha butaca 0 para as persoas interesadas en contribuír a esta axuda sen asistir a ningunha función no festival.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MMM5 Incendiaria Foto Laura Iturralde |

Microspectivas dun marica millennial

Teatro Colon |

Deputación e Concello da Coruña acordan a continuidade na xestión do Teatro Colón