A XXXVII Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) arrancou onte coa inaguración dunha exposición coas obras da pintora e ilustradora Luz Beloso, autora do cartel da edición deste ano. Esta artista monfortina xa participou en numerosas exposicións nacionais e internacionais e publicacións editoriais, polas que resultou premiada en múltiples ocasións. Os escritores Isabel Blanco, Iria collazo e Miguel Anxo Alonso Diz foron os encargados de presentar o acto.
A exposición de Luz Beloso, comisariada por Diego Seixo e que poderá visitarse ata o 18 de xullo na sala de exposicións do Auditorio de Cangas, mostra, principalmente, varios traballos seus como ilustradora de libros publicados polas editoriais Galaxia e Belagua. Ademais, os visitantes tamén poderán coñecer obras inéditas e proxectos innovadores que aínda non foron publicados.
A exposición consta de catro paneis. O primeiro deles está formado por seis obras inéditas. “Aquí móstranse ilustracións de verán sobre lecturas, por exemplo, de libros de Gloria Fuertes e tamén traballos feitos para proxectos que, finalmente, quedaron no aire”, explica a artista.
O segundo panel céntrase nas ilustracións do libro da escritora Iria Collazo López A soidade das medusas (Editorial Galaxia). O público terá a oportunidade de ver todas as ilustracións que a creadora realizou para este libro destinado a público xuvenil, incluso as que, finalmente, non saen publicadas. Luz Beloso conta que o libro “é un traballo conxunto entre Iria e mais eu, xa que entre as dúas iamos decidindo algúns detalles para que as ilustracións reflectiran a esencia do texto creado por Iria”.
Os libros de Rosaura, da escritora Isabel Blanco e publicados pola editorial Belauga, son o fío condutor do terceiro panel da exposición. Trátase de tres libros escritos en verso e destinados, principalmente, ao público infantil (As receitas de Rosaura, Rosaura e o mar e Rosaura, cesteira de Mondariz).
A nena e o grilo máis aló (Editorial Galaxia) é un libro de teatro musical escrito por Pepablo Patinho con cancións interpretadas por Magín Blanco. As ilustracións realizadas por Luz Beloso para este libro centran o cuarto panel da exposición.
Debuxos orixinais
Ademais dos catro paneis, a exposición complétase cunha “parte moi especial”, segundo palabras da propia Luz Beloso. Trátase das ilustracións orixinais e enmarcadas de Unha folla vermella, un libro que aínda está en edición. Nesta ocasión, o escritor Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso xuntáronse para sacar adiante un libro ilustrado de edición limitada e numerada, que fará reflexionar sobre o proceso de creación. Trátase dunha experiencia literaria que, previsiblemente, verá a luz no mes de setembro grazas a un proxecto de mecenado colaborativo con aportacións económicas de particulares.
Luz Beloso é Licenciada en Belas Artes, especialidade de pintura, na Universidade de Salamanca. Exerceu de profesora de Educación Plástica e Audiovisual en Galicia desde 1993 no IES As Barxas de Moaña e, desde 2019, como profesora de Artes no IES María Soliño de Cangas.