in

Volta e Dálle presenta en Compostela ‘Falar por Falar’

FalarPorFalar |
Os vindeiros 11 e 12 de xullo, ás 20:30, a compañía Volta e Dálle presentará no Teatro Principal de Compostela Falar por falar, o seu último espectáculo, agora con Víctor Mosqueira en substitución de Pepe Penabade.

 

Falar por Falar é o novo espectáculo teatral da compañía Volta e Dálle e nel un actor do medio rural (Víctor Mosqueira) e un dramaturgo da contorna urbana (Carlos Santiago) confrontan, en clave retranqueira, as súas vivencias e reflexións arredor da lingua galega.

A través do relato autobiográfico, da escenificación satírica de episodios históricos, de cantigas medievais e pezas do repertorio folk ou rock, Víctor e Carlos desafían ao público a unha viaxe humorística pola realidade viva da lingua. E faise esta viaxe na procura dunha visión liberada de prexuízos e idealizacións na busca de desentrañar un chisco os enigmas dese falar por falar que vén sendo toda lingua.

 

A compañía

Volta e Dálle nace no ano 2000 levando á escena o texto de X. H. Rivadulla Corcón Furga Garabela, arredor da vida dos afiadores. Logo diso, a compañía tamén puxo nas táboas pezas colectivas coma PAN, Menciñeiros (protagonizada polos músicos Mini e Mero) ou Dura Lex, da autoría de Carlos Santiago. Falar por Falar botou a andar en 2019 con Carlos Santiago e Pepe Penabade no elenco artístico, agora, no 20 aniversario da compañía, entra a forma parte do reparto actoral Víctor Mosqueira, en substitución de Penabade.


Publicidade

 

Os intérpretes

Carlos Santiago (escritor, dramaturgo e monologuista) formou parte da compañía Chévere e da Sala Nasa e como músico e letrista de bandas como Nicho Varullo, a Banda da Nasa ou a Psicofónica de Conxo. Dende finais dos 90 desenvolve o seu labor como dramaturgo e director de escena entre Galiza e Portugal participando en montaxes coma Ascensão e queda de Zé Grotewski, Sidecar, Mama Lusitânia, Salomé de Óscar Wilde, Cránicos privilexiados, Dura Lex ou Cicatriz ou a muller que foi mordida por un leão. Até o de agora ten colaborado con compañías como Chévere, Acert, Baal17, Voadora ou A Barraca, entre outras.

Víctor Mosqueira, actor integrante do dúo Mofa&Befa posúe unha ampla, recoñecida e variada experiencia actoral que abrangue, ademais do teatro, a publicidade, a televisión, o cine, o teatro de monicreques, o cabaret… Nesta dilatada carreira ten traballado con compañías coma O Moucho Clerc (Códice Clandextino), Ollomoltranvía (Commedia), Centro Dramático Galego (Noite de Reis) ou Producións Teatrais Excéntricas (Shakespeare para ignorantes), da que ademais é socio fundador.

 

Esta información foi modificada o 12 de xullo de 2020 para corrixir o erro da entradiña na que se indicaba que era Carlos Santiago o substituto de Pepe Penabade, en lugar de Víctor Mosqueira.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

voaxaecarmin |

O Teatro Español de Madrid estreará unha versión en castelán de ‘Voaxa e Carmin’ de Esther Carrodeguas

Raul Dans

Laiovento publica dúas obras de Raúl Dans