Seis compañías asturianas, cántabras e vascas daranlle forma á carteleira galega desta iniciativa, mentres que dúas galegas actuarán nesas tres comunidades.
Camiño Escena Norte celebrará a súa segunda edición entre o 13 de setembro e o 11 de outubro. Mondoñedo, Lugo, Ribadeo, Sobrado dos Monxes, Vilalba, Arzúa e Compostela acollerán oito funcións a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas.
A inicitiva está impulsada polas asociacións empresariais de produción escénica das catro comunidades: Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación de Empresas de Teatro y Danza de Asturias (EscenaAsturias), Asociación Cántabra de Empresas Productoras de Artes Escénicas (ACEPAE) e Empresas de Producción Escénica Asociadas de Euskadi (Eskena). A ruta histórica do Camiño do Norte vertebra este proxecto interautonómico co obxectivo de facilitar o coñecemento mutuo entre os profesionais e o público destas catro comunidades autónomas, ademais de contar tamén cunha vertente de dinamización social e turística. Na súa segunda edición, búscase así mesmo afianzar o seu papel como ruta cultural para lles amosar aos espectadores a diversidade cultural, lingüística e de formatos da actual produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.
Na súa segunda edición, Camiño Escena Norte volverá articular as súas actividades arredor de dous eixos: o Itinerario Constelacións e o Camiño Expandido. O primeiro deles suporá a realización en Galicia de oito funcións a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas, ao tempo que dúas formacións galegas terán a oportunidade de presentar os seus traballos nas outras tres comunidades participantes.
Pola súa banda, Camiño Expandido ofrecerá unha serie de actividades paralelas para explorar as relacións co público e novas posibilidades de intercambio profesional, así como para favorecer a reflexión no marco deste sector.
A Xunta de Galicia e a organización do programa asinaron o pasado 10 de xullo un convenio polo que o Goberno Galego participa no financiamento do encontro, cedendo ademais o Salón Teatro de Compostela como unha das súas sedes.