A maxia dos corpos
| Ana Abad de Larriva |
| Imaxe: Rosinha Rojo |
“One need not be a chamber to be haunted, one need not be a house; the brain has corridors surpassing material place (…)”, escribía Emily Dickinson. Non hai que ser un cuarto nin unha casa para estar encantado, para ter pantasmas; estas tamén controlan as mentes e habitan os corpos. A compañía galega Pálido Domingo traballa en Non hai que ser unha casa para ter pantasmas dende a ilusión de seren espectros, feitos de materia incorpórea “capaz de entrar nos ocos e baleiros de cada espazo, de cada corpo, mesturarnos e entrelazarnos”, así como de traballar a partir das sombras que se levan dentro. Iso é o que se ve: o encanto de como uns corpos habitan os outros, como se activan, se recollen, se controlan, se abrazan, se arrastran, se renden, se ofrecen, se soltan.
Mais a proposta non transmite desacougo nin outros sentimentos lúgubres, senón que desborda luz e calma. O tempo para a espectadora, para o espectador, parece case deterse; vai máis amodo. Semella que entramos noutro espazo e tempo. Hai algo que pide parar a mente e só estar e observar e sentir a presenza engaiolante deses tres corpos en escena: os de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez Buceta. Hai una naturalidade nos movementos que foxe do sometemento a formas e a tempos externos. Vese tamén na proposta a investigación arredor do concepto de resiliencia, en como os corpos se adaptan ás perturbacións que neles xera o outro ou os outros corpos ou mesmo o espazo: na aceptación e suavidade ante o control do outro, da outra; ante a dureza da pedra do chan da praza da Madalena de Ribadavia. É como se os corpos se descargasen das propias pantasmas e meigallos internos, de todo aquilo que atrapa, que pesa.
Hai na peza imaxes fermosas e moi potentes; hai momentos de tensión e outros de liberación, pero en todo momento está presente esa sensación de estarmos noutro espazo-tempo, como o dun soño, e de non poder sacar a ollada deles. É que esa materia incorpórea do seu estar en escena e da súa danza toca e envolve, como un abrazo fantasmal morno e suave, que sacode devagar, calma e nos libera doutras sombras que nós tamén levabamos dentro, e saímos de alí máis leves.
Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, de Cía. Pálido Domingo
Creación e interpretación: Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez Buceta.
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, MIT. Praza da Madalena, Ribadavia. 18 de xullo de 2020.