A iniciativa nace da man de Sabela Mendoza e Caterina Varela co fin de promover unha maior presenza deste ámbito artístico nas carteleiras dos escenarios galegos.

 

Cara a unha escena plural nace co obxectivo de procurar unha presenza regular e estable da danza e das artes do movemento na oferta cultural galega, ademais de favorecer a sensibilización do público diante destas propostas. Así mesmo, búscase ampliar a visibilidade das compañías e artistas, ao tempo que crear unha rede de colaboración cos espazos escénicos que redunde nunha maior aposta por este tipo de espectáculos.

Con este fin, estanse a deseñar programas específicos que se desenvolverán durante os últimos meses do ano nos seis escenarios inicialmente adheridos a esta iniciativa: Auditorio Municipal de Cariño, Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros, Teatro Principal de Ourense, Auditorio Municipal de Outes, Auditorio Hernán Naval de Ribadeo e Teatro Municipal de Tui.

Esta programación, que conta co apoio económico da Agadic, incluirá funcións escénicas e actividades paralelas de mediación nas respectivas localidades, en diálogo cos artistas convidados e cos teatros anfitrións, especificamente pensadas para facilitar a creación de públicos para a danza.

 

Actividades paralelas e en liña

De xeito paralelo, Cara a unha escena plural promove unha serie de accións transversais de investigación, escrita, encontros, rexistro e arquivo, tanto presenciais como en liña, que arrancan xa este mes de xullo e que teñen o seu epicentro na páxina web www.escenaplural.gal.

Inclúense entre estas actividades alternativas, a retransmisión de debates entre profesionais e axentes culturais do sector, entrevistas para dar a coñecer a traxectoria de diferentes compañías galegas, a publicación de textos sobre a creación e a circulación da danza desde distintas perspectivas, e o desenvolvemento dunha unidade didáctica arredor da danza contemporánea que poida servir de ferramenta para posteriores actividades específicas nos centros de ensino.

As xestoras culturais Sabela Mendoza e Caterina Varela son as coordinadoras de Cara a unha escena plural, que ten o seu xermolo na mesa de traballo homónima celebrada durante a pasada edición do mercado galego das artes escénicas Galicia Escena PRO, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo e a asociación Escena Galega.

Elas serán tamén as encargadas de impartir o primeiro dos obradoiros do programa, que se desenvolverá os días 30 e 31 de xullo na Mostra de Teatro Galego de Cariño baixo o título Pensar en movemento, mentres que o primeiro dos debates en liña (A comunidade creadora dinamizando contexto) terá lugar o vindeiro día 27 coa participación de Cris Vilariño e Paula Quintás.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Relacionado

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!

erregueté en papelSúmate ao movemento #erreguelove!

Por só 20 euros ao ano recibirás dúas revistas coa edición de textos dramáticos