in

Non hai que ser unha casa para ter pantasmas

Pálido Domingo

A maxia dos corpos

| Ana Abad de Larriva |
| Imaxe: Rosinha Rojo |

 

“One need not be a chamber to be haunted, one need not be a house; the brain has corridors surpassing material place (…)”, escribía Emily Dickinson. Non hai que ser un cuarto nin unha casa para estar encantado, para ter pantasmas; estas tamén controlan as mentes e habitan os corpos. A compañía galega Pálido Domingo traballa en Non hai que ser unha casa para ter pantasmas dende a ilusión de seren espectros, feitos de materia incorpórea “capaz de entrar nos ocos e baleiros de cada espazo, de cada corpo, mesturarnos e entrelazarnos”, así como de traballar a partir das sombras que se levan dentro. Iso é o que se ve: o encanto de como uns corpos habitan os outros, como se activan, se recollen, se controlan, se abrazan, se arrastran, se renden, se ofrecen, se soltan.

Mais a proposta non transmite desacougo nin outros sentimentos lúgubres, senón que desborda luz e calma. O tempo para a espectadora, para o espectador, parece case deterse; vai máis amodo. Semella que entramos noutro espazo e tempo. Hai algo que pide parar a mente e só estar e observar e sentir a presenza engaiolante deses tres corpos en escena: os de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez Buceta. Hai una naturalidade nos movementos que foxe do sometemento a formas e a tempos externos. Vese tamén na proposta a investigación arredor do concepto de resiliencia, en como os corpos se adaptan ás perturbacións que neles xera o outro ou os outros corpos ou mesmo o espazo: na aceptación e suavidade ante o control do outro, da outra; ante a dureza da pedra do chan da praza da Madalena de Ribadavia. É como se os corpos se descargasen das propias pantasmas e meigallos internos, de todo aquilo que atrapa, que pesa.

Publicidade

Hai na peza imaxes fermosas e moi potentes; hai momentos de tensión e outros de liberación, pero en todo momento está presente esa sensación de estarmos noutro espazo-tempo, como o dun soño, e de non poder sacar a ollada deles. É que esa materia incorpórea do seu estar en escena e da súa danza toca e envolve, como un abrazo fantasmal morno e suave, que sacode devagar, calma e nos libera doutras sombras que nós tamén levabamos dentro, e saímos de alí máis leves.

 

Publicidade

Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, de Cía. Pálido Domingo

Creación e interpretación: Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez Buceta.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, MIT. Praza da Madalena, Ribadavia. 18 de xullo de 2020.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo. Desenvolve a súa investigación no eido da teoría e da práctica teatral. Na actualidade é a subdirectora da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GIPHY App Key not set. Please check settings

    auditorium |

    Convócase o II Premio Platta de Teatro Breve – Portugal 2020

    CaraAUnhaEscenaPlural |

    O programa ‘Cara a unha escena plural’ achega propostas de danza a seis escenarios