in

Dúas donas que bailan

DuasDonas09 |

Espello das inclemencias

| Manuel Xestoso |

 

A vella teoría de Stendhal sobre a arte como espello da realidade ten aínda moito que dicir. Especialmente cando a realidade se degrada a mans duns medios de comunicación que non dan conta dos dramas persoais que se agochan tras as cifras. Neses casos, a lectura duns vellos tebeos –ou cómics– que nos devolven á infancia, poden debuxar unha imaxe máis fiel das desesperanzas ocultas e das calamidades cotiás que asexan á volta da primeira páxina.

Á sombra dos pisos de alugueiro “de renda antiga” existen propietarios que deixan que as paredes se esfarelen a ver se na caída levan por diante inquilinos pouco rendibles; fillos que prefiren deixar as molestias dos pais envellecidos nas mans de residencias moi afastadas de calquera cousa que se pareza á humanidade; traxedias íntimas que non coñecen os veciños, pendentes cada un deles (de nós) das súas pequenas leiras emocionais. A obra de Benet i Jordet abunda neses asuntos que etiquetamos como sociais sen esquecer que se manexan, polo lado máis amargo, dende as forzas e as debilidades de cada individuo.

Teatro do Atlántico intérnase en Dúas donas que bailan asumindo o que de melodramático ten a trama, mais mantendo o realismo do argumento, tendendo pontes cun mundo que está do outro lado do patio de butacas. A peza mantense grazas a un tenso duelo entre as dúas actrices, construído a base de diálogos sobrios e silencios. E María Barcala e María Ángeles Iglesias afinan os seus rexistros para que o equilibrio non se perda, para que a comedia e a traxedia operen na medida xusta que a materia esixe, e para que a acción avance sen máis sobresaltos que os necesarios. Ambas preservan a mestura exacta de fatalismo e confianza que define as súas personaxes.

Son dúas personaxes vulnerables, desvalidas, un pouco como somos todos ante as inclemencias da existencia. E a cerna do drama está en explicar como, dende a diferenza, son capaces de achegarse a unha á outra. Sen subliñar a circunstancia terrible que as une, sen perder de vista que o teatro tamén ofrece a oportunidade da xustiza poética.

E sabemos que a xustiza poética non abonda, ou que se dá menos na realidade que sobre as táboas dos escenarios. Mais hai un teatro que segue tentando que a devastación de tantas vidas sirva, cando menos, para explicarnos onde estamos.


Publicidade

 

Dúas donas que bailan, de Josep M.Benet i Jornet.

Compañía: Teatro do Atlántico.
Dirección: Xulio Lago.
Elenco: María Barcala e María Ángeles Iglesias.
Tradución: Aleixandre Lago
Espacio escénico: Antonio F. Simón
Vestiario: Susa Porto
Deseño de Iluminación: Xúlio Lago/Antonio F. Simón
Fotografía/deseño cartel/grafismo: Tino Viz/Margen
Técnicos de Escena: RTA
Directora Axudante: Esther Carrodeguas

Mostra Internacional de Teatro de Cangas. Auditorio do Concello. 16 de xullo de 2020.

 

Este artigo foi previamente publicado no Faro de Vigo de 18-07-2020.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CastroNunoCardoso |

O Teatro Nacional São Joao do Porto anticipa a súa temporada 2020-2021

CompanhiaDoLatao |

Mensaxe da revista ‘Conjunto’ da Casa de las Américas