in

O Teatro Nacional São Joao do Porto anticipa a súa temporada 2020-2021

CastroNunoCardoso |
O Teatro Nacional São João do Porto avanza o seu programa para 2020-2021. O programa que se desenvolverá de agosto a marzo inclúe 15 estreas, tres producións propias, 4 producións internacionais e unha vintena de coproducións. Deste xeito, despois de ter suspendido a programación prevista para os espazos xestionados polo TNSJ –que inclúen o Teatro Carlos Alberto e o Mosteiro de São Bento da Vitória- entre os meses de marzo e xullo, a institución portuguesa garante a reprogramación de todas as co-producións para esta nova tempada e a acollida de novos espectáculos portugueses e internacionais.

 

As celebracións do Centenario do Teatro São João continúan ata marzo de 2021 con unha programación que inclúe un “eloxio” aos directores artísticos que pasaron polo TNSJ. Son Nuno Cardoso, que asumiu o cargo no inicio do 2019; Nuno Carinhas, que desempeñou a función director artístico entre 2009 e 2018; e Ricardo País, responsable da dirección do Teatro Nacional Sao Joao durante 12 anos.

 

Ferreira, Genet e Beckett nas producións propias

O arranque da temporada será o 6 de agosto coa estrea de O Burguês Fidalgo, de Molière, unha co-produción da compañía portuense Palminha Dentada e TNSJ que estará no TeCA até o 23 de agosto. Tomará o relevo a produción propia Castro, de António Ferreira, con dirección de Nuno Cardoso e que estará en escena do 20 de agosto ao 12 de setembro para continuar despois con representacións en Coimbra, Braga, Lisboa ou Luxemburgo.

Despois de revisitar un canon da dramaturxia clásica portuguesa con Castro, o director Nuno Cardoso levará a escena O Balcão, unha das obras ambiguas e terribles de Jean Genet. Será no TNSJ do 4 ao 21 de novembro.

O 7 de marzo, un ano despois do arranque das conmemoracións do Centenario do TNSJ- estréase no teatro Á Espera de Godot, de Samuel Beckett, que permanecerá en escena ata o 27 de marzo, Dia Mundial do Teatro. A produción propia conta coa posta en escena de Gábor Tompa, presidente da Unión dos Teatro da Europa.

 

Compañías do Porto estréanse no Teatro Nacional da cidade

Ademais de O Burguês Fidalgo, os espazos xestionados polo TNSJ acollen varias estreas reprogramadas dalgunhas das máis emblemáticas compañías da cidade. Nunha coprodución con ASSéDIO e TNSJ, o director Nuno Carinhas regresa para, xunto ao João Cardoso para estrear Comédia de Bastidores, de Alan Ayckbourn.

Ao longo dos próximos oito meses de programación, vai ser posible comprender, baixo unha nova mirada, a Antígona, de Sófocles da man do Teatro Experimental do Porto ou viaxar a Florencia do século XVI para reflexionar sobre a fraxilidade da condición humana ante o poder e a súa capacidade de disimulo con Lorenzaccio, do Teatro do Bolhão; celebrar as dúas décadas de existencia con Circolando co seu 20.20; explorar a Língua Gestual Portuguesa como vehículo primordial de comunicación, con Língua, da Estrutura; asistir ao fin de todo, con Família Inglesa, da Mala Voadora; ou ser trasladado a un gran estudio de gravación, con As Três Irmãs, do Ensemble – Sociedade de Actores.

 

Programa internacional O Olhar de Ulisses


Publicidade

Grazas ao programa internacional ‘O Olhar de Ulisses’ –iniciativa promovida polo TNSJ e apoiada pola operación NORTE 2020 – visitarán o Porto nomes imprescindibles do teatro europeo. É o caso de Frank Castorf que con Bajazet, considerando o Teatro e a Peste, propón un teatro da palabra a partir dos textos de Jean Racine e Antonin Artaud. A estrea en Portugal terá lugar no São João os días 17 e 18 de decembro. Xa os días 8 e 9 de xaneiro de 2021, o TNSJ acolle Qui a tué mon père, un espectáculo que aborda a historia biográfica de un pai, a partir das turbulentas memorias de infancia dun fillo e que conta coa interpretación de Stanislas Nordey, director do Théatre National de Strasbourg.

Integrado no xa histórico Festival Internacional de Marionetas do Porto (FIMP), o TeCA acollerá KAMP, unha creación de Herman Helle, Pauline Kalker, Arléne Hoornweg que se mantén en repertorio desde hai 15 anos. O espectáculo da compañía Hotel Modern, propón unha viaxe polo cotián do campo de concentración de Auwchwitz-Birkenau, pode ser visto dos días 9 e 10 de outubro.

Froito do acordo de cooperación celebrado entre o Cabo Verde e Portugal, entre os días 7 e 9 de marzo desembarcará no Salón Nobre do TNSJ KastroKriola, de Caplan Neves, con dirección de Nuno Cardoso.

 

Maratón Chejov e regreso de Ricardo Pais

Con máis de 20 co-producións previstas ata marzo de 2021, o palco do TNSJ prepárase para acoller no mes de setembro A Vida Vai Engolir-vos, a nova creación de Tonán Quito coa adaptación de catro pezas de Anton Chejov. Este espectáculo-maratón con dúas partes que se presentan alternadamente poderá verse no TNSJ (18 e 19 de setembro) e no Teatro Rivoli (17 e 19 de setembro).

Despois de presentar una das máis destacadas producións do TNSJ como foi o espectáculo Turismo Infinito, no día en que se marcou o arranque das conmemoracións do Centenario, Ricardo Pais regresa á casa con talvez…Monsanto. Trátase dunha “coreografía” de sinais, xestos, imaxes e sons, que representa inmensa tristeza e ao mesmo tempo alegría de ser portugués e que subirá a escena entre os días 3 e 5 de decembro.

 

Dancem!

Impulsado en 1996 e con varias intermitencias, o ciclo Dancem! regresa ao programa do TNSJ. Dancem!21 reúne tres espectáculos que dalgún modo traballan unha idea de paisaxe. Na peza para crianzas Sons Mentirosos, Sofia Dias & Vítor Roriz deseñan unha paisaxe sonora xerada por un foley. Pola súa banda, a coreógrafa Né Barros prosegue unha investigación recorrente ao redor da paisaxe e do corpo como paisaxe en Neve. Doutro lado, Autópsia é a proposta coa que Olga Roriz aborda a dor causada pola man humana en seis paisaxes do planeta.

O TNSJ inaugurará no mes de decembro unha exposición sobre os seus 100 anos que contemplará diversos eixos temáticos, da arquitectura á historia do edificio e dos seus usos. A clausura da exposición, en marzo de 2021, coincidirá coa publicación dun catálogo que rexistrará en libro o traballo realizado. Por outra parte, o ímpeto editorial continúa co proxecto Empilhadora: unha nova colección que reúne títulos de historia e estética teatral, ensaio e biografía. Así, o proxecto avanza con dous títulos como son O Repúdio do Conhecimento em Sete Peças de Shakespeare, do filósofo norteamerciano Stanley Cavell e Olhai a Neve a Cair, un libro rendido ao pracer infundido da obra de Chejov con autoría de de Roger Grenier.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PinkUnicornsLaMacana |

A MIT Ribadavia enfronta a súa última fin de semana

DuasDonas09 |

Dúas donas que bailan